O primeiro número de 2018 sae do prelo

Sermos278: nada, nen os lumes, frea o monocultivo do eucalipto

Eucaliptos á beira dunha estrada

O primeiro Sermos de 2018, o número 278, xa está na nosa loxa e esta quinta feira non faltará ao seu encontro semanal cos quiosques. Este Sermos vén cheo de análises do que nos poden deparar os próximos 12 meses, unha esculca sobre o ano que comeza. E como tema de primeira debruzámonos sobre unha evidencia: o monocultivo do eucalipto continúa imparábel.

"Debemos apandar con tanto eucalipto como pretende o goberno?", con esta pergunta tan elocuente titula Manuel Vilas a reportaxe coa que abrimos este Sermos278, o Tema de Primeira que na capa rotulamos así: "Malia os lumes, máis monocultivo de eucalipto".

 

A despeito da vaga de lumes sofrida polo país no pasado mes de outubro, a eucaliptización da Galiza avanza perante a pasividade, e até a cumplicidade, do Goberno galego. Un dado abonda para ilustrar esa afirmación: a Xunta planea outras 20 mil hectáreas desta especie invasiva como mínimo. E iso embora ser consciente de que se trata dunha árbore pirófita, isto é, dunha planta que avanza co lume.

 

Veto ao ecoloxismo galego no Parlamento

 

E se falamos de eucaliptos é inevitábel referírmonos tamén aos lumes. Sobre a comisión criada ad hoc no Parlamento galego escrebe neste Sermos278 o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas. E faino para denunciar como o PP veta a presenza de representantes do movimento ambientalista galego nese espazo de debate e estudo parlamentar. Que pretenden agachar?

 

Mais o Sermos non se esgota no Tema de Primeira e, xa nas páxinas de sociedade, mergullámonos neste número en asuntos como o ciberacoso -cando a tecnoloxía sistematiza a violencia- ou perguntámonos que ocorre co patrimonio espoliado por Franco.


Este Sermos aborda o que nos pode deparar 2018 na política, a economía e a esfera internacional

 

En Política avanzamos as chaves deste 2018 -a ausencia da Galiza no Estado, a recomposición do taboleiro na direita estatal, o monotema catalán que non cesa- e pomos o foco sobre como a xestión do PP na Xunta se basea en pór o público ao servizo dos negocios privados, a comezar polo autoestrada AP-9.

 

A análise do que nos pode deparar 2018 tamén a abordamos desde as páxinas de Internacional -Enceta o ano das tensións- e Economía, sección en que publicamos tamén un traballo de Rosa M. Portela intitulado A conciliación nas traballadoras do mar.

 

E no Fóra de Serie entrevistamos o profesor Xosé Manuel Sánchez Rei -que acaba de apresentar o seu libro Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (Laiovento)-, ben como, da man de Felipe Senén, recuperamos os cantos cristiáns de Nadal e de Reis e tamén aqueles pagáns que se cantaban ao redor das lumeiradas para celebrar o solsticio.


E, por suposto, o Sermos278 trae as súas seccións habituais, con artigos de Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Iolanda Gomis, Andrés Castro, Mario Regueira, Manuel Xestoso, Francisco Castro, Merce Espiño, Vide Vide e o colectivo Xea e os cadriños de Tokio e Nachortas.