Nove lumes forestais no sur da Galiza continúan activos

O lume de Vilariño de Conso é dos máis graves. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Fontes da Consellaría de Medio Rural indicaron, no último parte da situación facilitado até o momento, que hai certo optimismo porque os traballos para controlar as lapas evolucionan de forma "favorábel".

A estas horas, e atendendo ao último parte da situación remitido pola Consellaría de Medio Rural, nove lumes forestais seguen activos e sen ser controlados en outros tantos concellos do sur da Galiza. No entanto, o departamento indicou que os traballos para apagar estes incendios, entre os que se inclúen algúns que afectan a máis de 1.000 hectáreas, evolucionan de forma "favorábel".

Segundo as mesmas fonte, é nesa etapa na que se atopan as chamas en Vilariño de Conso, Cualedro e Lobios. Polo momento, conxuntamente queimáronse case 5.500 hectáreas, parte delas integradas no Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés.

Os 16 incendios pendentes de extinguir (algúns xa controlados e outros en vías de logralo) en comarcas moi próximas levaron por diante até o de agora máis de 9.000 hectáreas de monte.

Os máis grandes son os da parroqua de Sabuguido de Vilariño de Conso (2.000 hectáreas queimadas desde que se declarou na madrugada do domingo), o de Río Caldo de Lobios (outras 2.000 hectáreas arrasadas desde a tarde do sábado) e os que seguen activos en Cualedro (ambos na parroquia de Montes con 1.300 e 80 hectáreas danadas, respectivamente).

As brigadas continúan a traballar, igualmente, en Chandrexa de Queixa (500 hectáreas), Manzaneda (hai dúas frontes, unha declarada o luns en Cernado con 450 hectáreas afectadas e outra en Paradela de 400 hectáreas) e A Mezquita (450 hectáreas en Cadavós, pois este lume e transfronteirizo con Castela e León).

Hai equipos despregados ao mesmo tempo en Rairiz de Veiga (300 hectáreas no lugar de Sabariz) e Montederramo (30 hectáreas forestais calcinadas en Gabín).

Pasos para controlar e estabilizar

Esta tarde, cando se informou dos últimos datos, tres lumes forestais estaban estabilizados: un en Vilar de Barrio con 700 hectáreas queimadas en Rebordechau, outro en Vilardevós con 350 hectáreas afectadas no núcleo de Vilar de Cervo e, por último, un en Muíños, onde as clapas consumiron once hectáreas na parroquia de Requiás, novamente dentro do Parque Natural dá Baixa Limia-Serra do Xurés.

Medio Rural afirma ter baixo control os fogos da Gudiña (declarado esta terza feira en Pentes con 150 hectáreas de superficie afectada), de Laza (60 hectáreas en Camba), Ribas de Sil (60 hectáreas en Peites) e A Pobra de Trives (50 hectáreas en Pena Petada).