Os lumes forestais de 2020 cústanlle a Galiza uns 151 millóns de euros

Extinción dun incendio declarado no Courel o pasado mes de xuño (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os cálculos do colectivo ecoloxista Arco Iris inclúen os gastos de extinción e restauración das áreas afectadas a partir dos datos publicados polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

O custo da extinción de incendios forestais na Galicia en 2020 alcanzou os 61,5 millóns de euros. O ano pasado arderon perto de 15.000 hectáreas, polo que o gasto medio por hectárea calcinada situouse na contorna do 4.100 euros segundo apunta a asociación ecoloxista Arco Iris, a partir dos datos divulgados polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

En palabras do colectivo, este custo de xestión representa "un disparate", ao que hai que sumar o gasto de restauración das áreas queimadas. As estimacións do propio Ministerio estabelecen que este custo ascenderá até os 90 millóns de euros. O primeiro ano, tras se declarar o lume, as Administracións deben desembolsar uns 3.000 euros por hectárea para recadación. Do segundo ao undécimo ano, o investimento volve ser de 3.000 euros, a razón de 300 euros anuais.

Estes datos, compartidos pola asociación ecoloxista Arco Iris, conclúen que a cantidade total entre gastos de extinción e de restauración dos territorios arrasados polos incendios forestais na Galiza en 2020 alcanzaría os 151,5 millóns de euros no ano 2031

E a este custo económico, advirte, hai que engadirlle os "enormes" danos ambientais, "imposíbeis de cualificar" segundo o colectivo ecoloxista.

Maior prevención

Arco Iris insta a Consellaría de Medio Ambiente a "informar de cales son as previsións orzamentarias" da Xunta para paliar e evitar esta situación no futuro. Segundo sinala, en 2006 o Goberno galego aprobou un plan trienal de restauración forestal por valor de 126 millóns de euros.

Ademais, cualificou de "disparate" que o orzamento de todos os encargos de Medio Rural a Seaga o ano pasado alcanzase "apenas" os 6 millóns de euros.

Para a asociación, os poderes públicos deben reflexionar sobre a xestión dos lumes, a prevención e a necesidade de "incrementar a presenza durante todo o ano das brigadas nos montes, mellorar as súas condicións laborais, intensificar as tarefas de limpeza de maleza forestal e potenciar de forma decidida a persecución de incendiarios".