Os lumes consomen a Galiza interior

Vista do incendio que leva arrasadas 1.300 hectáreas no concello verinés de Cualedro. (Rosa Veiga, Europa Press)
Os lumes que desde hai catro días se encadean nunha quincena de concellos do interior suman xa 9.000 hectáreas arrasadas entre traballos contrarreloxo dos equipos de extinción e as críticas á Xunta pola falta de planificación e eficacia nesta nova vaga de incendios. Voces como a da CIG reclaman a destitución do director xeral da Defensa do Monte e o seu equipo na Xunta por unhas declaracións nas que recoñecía que os incendios eran esperados. Malia selo, non foron evitados.   
 

O lume calcina as comarcas de Verín, Terra de Trives, Viana, a Limia e a Baixa Limia, Allariz e Quiroga, con máis de 9.000 hectáreas queimadas desde a fin de semana, segundo as estimacións da Consellaría do Medio Rural. 

Nove incendios seguían, ao feche desta edición, activos, segundo o último parte da Xunta, entre eles os máis agresivos desta vaga. É o caso do que afecta o concello de Vilariño de Conso, con 2.000 hectáreas arrasadas na parroquia de Sabuguido desde a madrugada do domingo, onde chegou a activarse a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas a Soutogrande e Soutelo, desactivada ao mediodía de onte por "non haber risco para núcleos de poboación", segundo a Xunta. 

En Lobios, o lume iniciado na tarde do sábado e aínda activo leva queimadas outras 2.000 hectáreas no parque natural do Xurés e ten causado xa, en palabras da alcaldesa, María del Carmen Yáñez, un "dano ambiental incalculábel".

En Cualedro, que xa no mes de xullo rexistrou o que fora o lume máis importante na Galiza desde o ano 2017, con 1.535 hectáreas queimadas, os novos focos achéganse xa a esa superficie, cun lume na parroquia de Montes que consumiu desde o domingo 1.300 hectáreas e un segundo que xa leva outras 80.

En Chandrexa de Queixa, o foco iniciado o domingo arrasou xa 500 hectáreas de monte, mentres que en Manzaneda, tres lumes que, segundo a Xunta, presentan "clara intencionalidade" nas parroquias de Cernado,  Paradela e San Martiño suman 350 hectáreas. 

En Rairiz da Veiga, na Limia, as lapas que comezaron o domingo na parroquia de Sabariz afectan unhas 300 hectáreas e no concello verinés de Vilardevós arderon outras 350 na parroquia de Vilar de Cervo, mentres que na Mezquita, un incendio procedente de Zamora leva arrasadas 450 hectáreas. 

Segundo a información que trasladan desde Medio Rural, existe aínda outro lume activo, en Montederramo, con, até o momento, 30 hectáreas–. Ademais, os servizos antiincencios daban onte por estabilizado os incendios de Vilar de Barrio, que afecta 700 hectáreas segundo o último comunicado, A Gudiña, con 150 hectáreas queimadas, e Muíños, este último –que fixo arder 6 hectáreas no parque do Xurés– intencionado, segundo a mesma fonte.

O parte dá conta tamén doutro lume, no concello de Maceda, no que se aprecia tamén unha "clara intencionalidade" , pola existencia de varios focos simultáneos e que quedou extinguido onte tras queimar unhas 222,08 hectáreas.

Os servizos de extinción daban por controlado xa a mediodía un lume máis, iniciado na mesma xornada en Pobra de Trives, logo de queimar unhas 50 hectáreas na parroquia de Pena Petada. En Laza, o incendio que comezou o sábado na parroquia de Camba dábase por controlado a última hora da tarde, cunha zona afectada de 60 hectáreas, mentres que na comarca de Quiroga, no concello de Ribas de Sil, controlábase o iniciado na madrugada da segunda feira con catro focos. Arderon 60 hectáreas. 

Falta de planificación e de coordinación

"Vexo unha falta de planificación e unha descoordinación enormes. Nestas condicións é fácil que haxa lumes en zonas como estas", observa o enxeñeiro técnico industrial e profesor Alberte Blanco, director xeral de  Montes co bipartito na Xunta e quen fixo parte no grupo experto constituído en decembro de 2018 por mandato do Parlamento galego para analizar a situación do dispositivo de defensa contra os lumes forestais e achegar as recomendacións útiles para mellorar a eficacia do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).

Como lembra o especialista, as medidas debulladas ao ano seguinte nun informe e remitidas á Consellaría de Medio Rural incidían en melloras da calidade dos dispositivos, máis que nun aumento cualitativo dos medios, "para ter unidades ben preparadas".

"Case todo quedou eliminado. Se non hai interlocución coa xente do rural non se vai resolver o problema", reflexiona Blanco, ao tempo que apunta, no caso da última vaga de lumes, a un problema de "eficacia". "A cuestión está na capacidade de resposta do dispositivo e en dotarse dos medios necesarios, tal e como están suxerindo as persoas que teñen experiencia e coñecen como hai que facer o manexo do lume", sostén, antes de lembrar que a Xunta tivo un ano, antes da actual campaña, para introducir algunha das propostas, como as brigadas de vixilancia móbil, que permitiría actuar con maior celeridade para apagar conatos. 

"Que haxa máis de media ducia de grandes lumes –maiores de 500 hectáreas– e que entre dous ou tres superen as 6.000 hectáreas é un disparate e non importa que o presidente da Xunta diga que 70% non pasan de conatos cando media ducia, por non ter capacidade de resposta, queima todo o resto", censura, facendo alusión tamén ás declaracións polas que o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, cualificaba de previsíbel a actividade incendiaria destes días. "Din que xa os agardaban, mais, que fixeron? Porque os lumes son en distintos concellos e as magnitudes son brutais. Algo non está funcionando e de nada serve que digan que apagaron outros", avalía o experto. 

Peticións de destitución

Esas declaracións na CRTVG causaron nas últimas horas distintas peticións de cesamento do cargo público, primeiro desde En Marea e, onte, desde a CIG, que facía extensíbel a demanda de destitución a todo o equipo da dirección de extinción de incendios.

Desde o sindicato nacionalista preguntan, a respecto da intervención do director xeral, por que non se adoptaron "medidas excepcionais de prevención e reforzos específicos de vixilancia nestas zonas, así como nos espazos de alto valor ambiental" se se sabía desde a Xunta que estes incendios se ían producir e diante dunha meteoroloxía favorábel á propagación do lume. 

"Esta situación é repetida, e tres anos despois dos lumes de outubro de 1917 seguen sen implantarse moitas das accións que se recollían no informe do grupo de expertos, a pesar do compromiso explícito da Xunta. Segue sen facerse unha verdadeira política preventiva e sen dotar o servizo de prevención dos medios materiais e persoais suficientes", reivindica. Como actuacións urxentes, a CIG exixe a cobertura de vacantes e baixas "para non comprometer as brigadas", así como o traslado de información aos comités de seguridade e saúde laboral dos accidentes que se teñan rexistrado nestes últimos días e garantías do cumprimento dos protocolos de coordinación e intendencia nos lumes.