O lume queima perto de 40 hectáreas en Melón e Corcoesto

Incendio forestal

Mantense activo o lume rexistrado no concello de Melón, na parroquia de Quins, que afecta, segundo as estimacións da Consellaría de Medio Rural, unhas 20 hectáreas. Perto de 20 tamén arderían en Corcoesto (Cabana de Bergantiños).

Dous incendios queimaron perto de 40 hectáreas nas últimas horas. Un deles, no concello de Melón, na parroquia de Quins, segue activo, segundo a Consellaría do Medio Rural. Comezou á 1.15h da madrugada e no seu control traballan cinco axentes, 9 brigadas, 8 motobombas e unha pa.

 

Por outra banda, a Asociación Petón do Lobo informa dun incendio en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) onde o lume non chegaría a queimar 20 hectáreas [Medio Rural só dá conta dos incendios que chegan ou superan as 20 ha].

 

Segundo explica a asociación nun comunicado de imprensa, o lume, que comezou ás 15.40h do sábado, non contou coa intervención de ningún medio aéreo de apoio até ben pasadas as 19.30h. “Non se explica que os medios aéreos tardaran tanto tempo en actuar despois de que a Xunta formalizara un contrato millonario con Adxudicataria: UTE Babcock Missión Critical Services Galicia, S.L., Babcock Mission Critical Services España, S.A., Consultoría Natutecnia, S.L., por un valor estimado de 8.344.396,00 euros (incluídas posíbeis prórrogas e modificacións)”, afirma a asociación.

 

O colectivo tamén informou de que os dous helipcóteros tiveron “serios problemas” á hora de “encher os helibaldes despois da seca extrema que está a sofrer o río Anllóns”.