O lume dá unha pequena tregua en 2021: menos de 1.000 incendios por primeira vez na historia

O drama dos incendios continúa vivo na Galiza, aínda que con menos forza neste 2021 (Foto: EP).
O conselleiro de Medio Rural da Xunta da Galiza, José González, informou no Parlamento Galego sobre uns datos que invitan a un "certo optimismo".

A superficie queimada na Galiza descendeu a 4.371 hectáreas en 2021, nun ano no que se rexistraron 954 lumes.

Isto supón que o actual sexa o primeiro exercicio da serie histórica que queda por baixo do milleiro de incendios.

O conselleiro de Medio Rural destaca a "tendencia descendente" desde 2018 

Destes datos provisionais informou no día de hoxe o conselleiro de Medio Rural, José González, quen considera que estes datos invitan a un "certo optimismo".

Non obstante, e a pesar de que o conselleiro identifica unha "tendencia clara" na diminución de lumes desde 2018, pensa que non se debe caer "en ningún tipo de triunfalismo".

En 2022 o PP aprobará a "nova Lei de Prevención de Incendios"

Nunha intervención que tivo lugar no Parlamento Galego, González tamén quixo pór en valor "a nova Lei de Prevención de Incendios", que entrará na Cámara en 2022.

Tal e como indicou, esta incluirá novidades como "unha profesionalización das brigadas municipais, cunha contratación mínima por seis meses", e lanzou unha mensaxe á oposición para "chegar a acordos" sobre este texto.