Falan as vítimas do lume en primeira persoa: "Hai moitos nervios, non sabes o que atoparás cando volvas"

Persoas evacuadas na Pobra do Brollón refúxianse dun lume que non saben que consecuencias terá sobre as súas poboacións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Persoas desaloxadas pola proximidade dos incendios ás súas vivendas relatan estes momentos de "nervios, tensión e incerteza".

Nervios, preocupación, mais tamén paciencia e esperanza é o que expresan algúns dos centos de veciños que nas últimas horas tiveron que abandonar as súas vivendas pola súa proximidade aos incendios na zona do Courel, que afectan principalmente parroquias dos municipios de Folgoso, Quiroga e A Pobra do Brollón. As autoridades activaron a 'situación 2' como medida preventiva en cando menos tres localidades do sueste, o que obrigou a que habitantes da zona abandonasen as súas vivendas "por seguridade", segundo lles comentaron os servizos de emerxencias.

Na Pobra do Brollón, unhas 20 persoas das parroquias de Salcedo e Saá aloxáronse na noite do domingo á segunda feira no pavillón municipal, mais outras recorreron a casas de familiares e amizades para pasaren as horas de anguria, coa esperanza de que todo remate cedo porque se lles fai "moi duro" ter que saír das súas casas, tal e como manifestan.

O pavillón da Pobra do Brollón ten capacidade para 105 persoas e na noite só se ocupou unha vintena de camas, malia que non se descarta que a situación vaia "a máis"

"É unha situación, evidentemente, complicada", explica Xosé Gago, técnico de Cultura e Turismo do Concello da Pobra e responsábel das instalacións. "É unha situación de tensión, pero hai que ver como a xente está a chegar cunha actitude moi tranquila, con gana de pasar o mal 'trago' o mellor posíbel", subliña.

O pavillón municipal, habilitado como aloxamento provisional desde este domingo, ten capacidade para acoller un total de 105 persoas, aínda que a noite pasárona alí unha vintena. Alén dunhas liteiras que xa se atopaban alí gardadas, Cruz Vermella despregou decenas de camas porque, aínda que a situación actual "é estábel", trabállase tentando ver "un pouco máis aló". Gago destaca a "colaboración" doutros habitantes da zona que chaman e acoden a deixar comida e bebida e, mesmo, a charlar para acompañar os seus familiares e amigos.

Desaloxos por "precaución"

Marisa é unha veciña da parroquia de Salcedo que "por precaución" tivo que deixar a súa vivenda, o que lle pareceu "incómodo" pero tamén "duro, moi duro". "Foi, sobre todo, pensando no fume", explica ante os micrófonos da prensa, xa que o lume non estaba tan próximo ás vivendas pero "en calquera momento pode dar a volta" o vento.

Antes de acudir a casa dunha amiga a pasar a noite, Marisa foi desaloxada por unha patrulla da Policía Autonómica que, por sorte, a "tranquilizou moito". "É importante que transmitan calma e non que te saquen da cama ás 4 horas da mañá", expresa, na porta do pavillón onde durmiron varios veciños seus aos que foi a visitar este mediodía.

Sobre as previsións de volver á súa casa, recoñece que as forzas de seguridade non lles poden dicir gran cousa: "Eu entendo que é moi difícil dicir iso, porque depende de se dá a volta o aire, de se sobe a temperatura... Hai moitos focos, entón tampouco os responsábeis saben que dicir e en que momento".

'Tucho', veciño de Salcedo (A Pobra), foi desaloxado e pasou a noite nun albergue. Desde alí, ve como "os avións non paran"

Antonio Ribadeneira, un ancián orixinal de Salcedo ao que coñecen como Tucho, está na Pobra de Brollón de vacacións, pero tivo que pasar a noite no Hostal das Viñas xunto a outra ducia de persoas.

Tucho asegura que non chegou a ver o lume e que se decatou de que estaban a desaloxar aos veciños por unha chamada da súa muller, que estaba en Barcelona. Pouco máis tarde, a Policía chegou á súa vivenda e mandou que marchase. Agora, desde a contorna do pavillón e do hostal onde se atopa, di que "os avións non paran" de pasar cara á zona onde se atopan as chamas.

Un hostal reaberto para axudar a veciñanza

O Hostal das Viñas, que nas últimas horas tornou na casa de acollida de Tucho, ficaba fechado desde había catro anos, mais os seus dous propietarios —un matrimonio xa retirado— non dubidaron en reabrilo para poder aloxar a quen o precisase.

"Nós tiñámolo fechado porque somos maiores e estamos xubilados. A única maneira de axudar era deixando as habitacións a disposición do que fixese falta", explica a propietaria, quen tamén aloxa varias persoas nunha casa que teñen no centro da Pobra.

No hostal, segundo trasladaron a Europa Press, pasaron a noite unhas 14 persoas de Salcedo e Lourente. "Estaban bastante nerviosos, porque non sabes que vas atopar ao día seguinte cando volvas", lamenta.

Persoas reacollidas en Quiroga

Tamén decenas de veciños e veciñas foron desaloxadas en Quiroga, nas parroquias de Outeiro, Nocedo e Vilar de Lor. Desta última —concretamente da localidade de Xestoso— é natural Samuel Vilariño, un mozo que, canda outros 15 veciños, tivo que durmir no albergue do centro urbano do municipio, que tamén está a ser ocupado por un campamento de verán xuvenil.

"A miña nai chegou chorando á casa e dixo que tiñamos que marchar", lamenta Samuel, de Vilar de Lor (Quiroga)

"Estaba na miña cama, na miña habitación, sobre as 23 ou 23.30 horas. Chegou a miña nai chorando á casa e díxonos que tiñamos que marchar", relata Samuel, quen explica que foi máis ben unha medida preventiva polo fume, porque "o bo de Xestoso é que está moi ben desbrozado".

Este mozo ve os veciños "nerviosísimos" e coa esperanza que "non chegue a máis a cousa". Iso si, tentan animarse "como se pode" e alí, no albergue, trátanos "moi ben" non só achegando comida e bebida, senón tamén as instalacións para que se poidan asear.

Samuel confía en que os veciños melloren, aínda que "vai moi mal a cousa" porque "ás veces non hai suficientes helicópteros nin avionetas". "De feito, aquí, a Quiroga, veu unha brigada de Ponteareas, así que xa nos podemos imaxinar a magnitude disto", subliña.