O lume ameaza o casco urbano de Vigo

Vista do lume desde a Praza de América de Vigo.

[EN ACTUALIZACIÓN] Once focos fican activos na cidade, principalmente en varias parroquias do cinturón periurbano. Desde hai horas prodúcense desaloxos de vivendas con carácter preventivo. Non se ten constancia de danos humanos. Dúas persoas fican baixo custodia policial en Comisaría por estaren, presuntamente, relacionadas cos lumes. Ás 2:40h o alcalde, Abel Caballero, aseguraba que todos os focos "urbanos" estaban controlados e na súa maioría extinguidos. Só fica un lume importante activo, na zona de Roteas en dirección a Nigrán, e varios focos no ámbito rural. 

 

A cidade olívica fica arestora encollida e coa ollada a se repartir entre as fiestras e as redes sociais. O lume que comezou atinxindo as parroquias circundantes, avanzou nas últimas horas cara o casco urbano. Neste momento, a información confirmada recollida polo xornal Faro de Vigo refire a existencia de once focos activos. O alcalde da cidade, Abel Caballero, nunha breve declaración en La Sexta asegurou que eses ámbitos estarían “controlados”. No entanto, continúan a producirse desaloxos de vivendas con carácter preventivo diante da proximidade das lapas. Aliás, vías como AG57 e a circunvalación VG20 fican na práctica cortadas. Tamén a Avenida de Europa, que conecta o litoral con Coia, atravesando o barrio de Navia.

 

Pasadas as 0:30h nas redes alértase da existencia de dous focos de lume en pleno centro da cidade, na Praza dos Cabalos e nas inmediacións do Monte do Castro. Ás 2:40h o alcade confirmaba que todos os focos "urbanos" estaban controlados e na súa maioría extinguidos. Unicamente ficaría activo un lume importante na zona de Roteas, en dirección a Nigrán. Restan por sufocar tamén os focos das áreas rurais, caso da parroquia de Valladares, que en principio xa non ameazan a poboación.

 

O fume é omnipresente en todo termo municipal. Os colexio da Sobreira e o IES de Valadares fican fechados polo efecto do lume e non celebrarán aulas esta segunda feira. O lume chegou a aproximarse até o campus universitario de Vigo, onde se desaloxou a residencia.  O alumnado foi recolocado en hoteis e mañá non haberá clase. O efecto do fume provocou tamén que o Centro Comercial Travesía de Vigo, en pleno casco urbano, decidise fechar as portas. A factoría de PSA Peugeot Citroen e da auxiliar GKN Driveline, foron desaloxadas e fican arestora sen actividade. 

 

Veciñanza con baldes 

Neste momento a maior preocupación está nas inmediacións da zona vella de Navia e nas súas proximidades coa contorna da Avenida da Florida. Alí, volveron reproducirse as imaxes de veciñanza organizada cos seus propios medios (baldes e mangueiras) para tentaren sufocar as lapas e frear o avance do lume. A mesma situación que se está a vivir en diferentes puntos da parroquia de Valadares. Ante a insuficiencia de medios, a xente tomou a iniciativa para evitar que o lume devore as vivendas. 

 

Sen información

A falla de información oficial alimenta o nerviosismo. O Concello de Vigo non conta a esta hora inda cunha canle oficial a través da que ofrecer información verificada e actualizada. O rexedor, Abel Caballero, limitouse polo momento a breves declaracións nalgúns medios de comunicación, con chamamentos xenéricos á calma e a serenidade, e nos que aseguraba que –en principio-- os focos estarían controlados e que as autoridades municipais fican coordinadas coa Xunta.

 

Porén, o propio Caballero vén de facer un chamamento á veciñanza que vive nas proximidades das zonas máis afectadas a que “fechen as casas e marchen delas cara a un hotel”. O Concello habilitou tres hoteis da cidade e mais un pavillón para albergar as persoas afectadas. O Goberno municipal declarou non ter constancia de que se teñan producido danos persoais "polo momento" (sic).

 

Incendios provocados e focos extraños

A hipótese de que a vaga de lumes que envolve a cidade olívica sexa provocada por incendiarios é a predominante. Aliás, os focos isolados que se rexistraron sobre todo ao longo da noite en diferentes puntos do casco urbano (praza dos Cabalos ou Monte do Castro), sen conexión aparente cos outros lumes en curso, alimenta esa sospeita. A policía confirmou, contra as 1:25h, a varios medios de comunicación que dúas persoas foron detidas en relación aos lumes e que ficaban baixo custodia en comisaría.

 

[Información actualizada ás 2:48h]