O lume avanza sen control e as hectáreas arrasadas superan xa as 19.000

Máis dun milleiro de persoas foron xa evacuadas pola proximidade das chamas ás vivendas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Só na Pobra do Brollón e Folgoso do Courel arderon xa máis de 6.000 hectáreas nas últimas horas.

Os grandes incendios forestais que afectan o país e que arrasaron até o momento máis de 19.000 hectáreas, principalmente no Courel e Valdeorras, seguen fóra de control, segundo a última actualización da Consellaría de Medio Rural, emitida ás 13.30 horas desta terza feira.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de informar de que os lumes, que atacan con especial virulencia os municipios da Pobra do BrollónFolgoso do Courel e Carballeda de Valdeorras obrigaron a realizar desaloxos en 50 núcleos de poboación, cuns 1.100 veciños e veciñas evacuadas. Aliás, hai 85 inmóbeis afectados, aínda que a maioría non eran vivendas.

Os dous incendios máis grandes continúan activos e aínda sen control. En concreto, trátase do lume orixinado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Riodelas, que na segunda feira saltou o Sil e arrasou unhas 7.500 hectáreas, coa situación 2 decretada —perigo para as vivendas— pola súa proximidade ao núcleo de Candeda, alén de afectar o parque natural de Serra da Enciña da Lastra.

Pola súa parte, o 'macrolume' de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón —xuntáronse catro incendios, dous de Vilamor e dous de Saá— calcinou xa 4.900 hectáreas, cunha situación 2 tanto no núcleo de Parada dos Montes (Folgoso) como en Busto (A Pobra).

A isto súmase outro lume en Folgoso do Courel, na parroquia de Seceda, de 1.100 hectáreas. Alí hai situación 2 activada por proximidade ao lume do núcleo de Gamiz.

O Courel é a rexión do país máis afectada, cunhas 6.000 hectáreas calcinadas nas últimas horas e varios focos fóra de control

O terceiro lume con máis superficie queimada é o de Vilariño de Conso, na parroquia de Padroalbar, con 2.650 hectáreas arrasadas dentro do parque natural do Invernadoiro.

Por outra parte, están activos os lumes de Palas de Rei —parroquia de Ramil (375 hectáreas)— e Cervantes —na parroquia de Noceda, xa estabilizado (100 hectáreas) e en Cereixedo (65 hectáreas)—. Tamén en Cervantes, parroquia de Donís (75 hectáreas), o lume está controlado desde o mediodía desta terza feira.

En Quiroga, o incendio de Outeiro está controlado (250 hectáreas) e o de Nocedo xa foi estabilizado (15 hectáreas). O de Antas de Ulla, parroquia de Santa Mariña de Castro de Amarante, tamén está controlado (40 hectáreas).

Aliás, seguen activos os tres do municipio Oímbra que entraron desde Portugal. Por unha parte, o da parroquia de Rabal (750 hectáreas), coa situación 2 desactivada en Rabal e Mandín (Verín).

O de parroquia de San Cibrao calcina 400 hectáreas, cunha situación 2 tamén desactivada. O terceiro de Oímbra é o da parroquia de Videferre (350 hectáreas), que a Xunta dá por estabilizado.

Aliás, Medio Rural advirte dos efectos das chamas en Ribadavia, con 67,8 hectáreas queimadas, un lume que está extinguido desde as 11.37 horas desta terza. E, finalmente, na comarca do Deza arderon perto de 200 hectáreas en Guillar, no concello de Rodeiro.

A esta superficie hai que sumar a calcinada por cinco lumes xa extinguidos nos últimos días, que afectaron máis de 250 hectáreas: Cualedro (31 hectáreas), Baiona (46 hectáreas), Melón (dous lumes que suman 98 hectáreas) e Quiroga (83 hectáreas).