Luís Vázquez, médico: "A sensación é que o virus é menos activo e que a mortalidade é menor e non é así"

O doutor Luís Vázquez (Foto: Nós Diario)

Director do laboratorio dun hospital da Coruña, Luís Vázquez é especialista en Análises Clínicas e analiza cada día nas redes sociais o avance da Covid-19 con gráficos e comparativas accesíbeis para as persoas non expertas. Conversamos ao redor da evolución da pandemia

Que lle parece a forma en que a Consellaría de Sanidade manexa as cifras en relación ao coronavirus?

Moi mellorábel, sobre todo, se consultamos as páxinas web das consellarías doutras comunidades do Estado. Entras en calquera destas web e podes acceder aos datos por concellos, á incidencia acumulada en 7 e en 14 días, o número de ingresados por cada hospital, cantos hai en UCI, que porcentaxe de camas están ocupadas... Aquí limítanse a sacar unha nota de prensa cada día na que dan cinco ou seis datos básicos e a partir de aí temos que intentar escarvar e ver a situación real. Son datos útiles, mais non dan unha imaxe real da situación.

Supoño que se refire a que só informa de datos activos e non dos novos casos.

Os casos activos son interesantes, porque nos van dar a diferenza que hai dun día en canto a enfermos mais non sabemos os datos de contaxios. Hai dous días na Coruña informouse dun incremento de 6 casos activos. A maioría da xente pensa que só houbo 6 casos ese día, pero o aumento real foi duns 90. O número de altas diaria enmascara o número real de novos casos diarios.

Son a solución para a contención os cribados masivos?

Non, para min non. A solución é facer o máximo número posíbel de PCR pero deben ser rendíbeis. E cales son? As que se lles fai a quen teñen síntomas sospeitosos e unha vez que se confirman os positivos, hai que facerllas ao maior número posíbel de contactos dese caso. Na Galiza estamos con 4 contactos por caso positivo, que é unha cifra moi baixa. Os esforzos, máis que nos cribados masivos, deben centrarse nos contactos dos pacientes e para iso hai que aumentar o número de rastrexadores reais e implementar canto antes a aplicación Radar Covid. Hai varias comunidades que están usándoa e conseguen duplicar o número de contactos detectados por cada caso positivo. As PCR hai que facerllas tamén a grupos de risco, como é o persoal de centros sociosanitarios, sanitarios, de maiores... aí si que se pode facer un screening, mais non de maneira aleatoria. Ás probas de cribado na Coruña, de 18 a 40 anos, só acude un 30% e normalmente é a xente que está concienciada.

Cales son as probas de detec-ción máis fiábeis?

A mellor proba, con moito, é a PCR, porque é de bioloxía molecular e detecta o RNA do virus e, concretamente, uns fragmentos determinados. Hai xente que pensa que é inespecífica e que dá positivo con outros virus, e non é así. As PCR que se utilizan son específicas da Covid-19, nin sequera de outros coronavirus.Pode haber algún caso de falso positivo se se contamina unha mostra cunha anterior no aparato, e tamén falsos negativos porque tes que coller unha mostra da nasofarinxe e, se non colles unha boa, con moita celuraridade, o resultado pode dar negativo sendo positivo. Aínda así a sensibilidade e a especificidade é moi alta nas PCR. En cambio, a seroloxía que empregou Sanidade no seu estudo non é que sexa mala, mais ten unha sensibilidade moi limitada. O que estamos a facer agora mesmo é detectar os anticorpos mediante a técnica Elisa, cunha sensibilidade próxima ao 100%.

Estamos xa nunha segunda vaga de coronavirus?

Penso que si, non hai máis que ver os datos que tiñamos hai un mes, con douscentos e pico casos activos, e os próximos aos case 3.700 que comunicou hoxe [por onte] o Sergas. A sensación é que o virus é menos activo e que a mortalidade é menor e non é así. O virus segue a ser igual de activo, mais agora temos probas para facer e o grupo de persoas que se está a contaxiar agora é moito máis novo, en idade, que o da primeira vaga. O 95-96% está no seu domicilio porque ten entre 18 e 40 anos, con poucos síntomas e poucas complicacións, aínda que poden telas e poden morrer. Nos últimos quince días, todos os pacientes que faleceron na área da Coruña superaban os 65 anos. Agora hospitalizamos antes os enfermos e a situación non se complica tanto, detectamos ráido e podemos controlalos a domicilio. Hai ao redor dun 5% de hospitalizados, cando chegou a haber un 20%. É fundamental, neste sentido, reforzar a Atención Primaria, xa que vai ser a porta de entrada dun 90% dos casos. Se temos os mesmos medios humanos e materiais que hai seis meses, mal imos. Entón volveránse sobrepasar os hospitais, suspenderanse operacions programadas, atrasaranse consultas...

Cal é a previsión e o prognóstico a medio prazo?

Esta segunda vaga non vai ser tan importante como a primeira porque estamos, como dicía, moito mellor preparados, pero vai seguir morrendo xente e vai haber persoas que fiquen con complicacións crónicas. Ademais, a Covid-19 vai cruzarse coa gripe, pois contáxianse da mesma maneira. Espero que, ao adoptar máis medidas de seguridade, a incidencia da gripe sexa menor e que a xente de risco se vacine máis.

 

"O problema está na ratio por aula"

Luís Vázquez criticou nas súas redes sociais as declaracións en que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, aseguraba que as crianzas estaban mellor nas aulas que fóra delas. “Evidentemente, é moi importante para os nenos socializar e que vaian ao colexio. O problema está na ratio de alumnado”, sinala. Educación non prevé reducir o cociente marcado, que vai dun máximo de 25 a 30 alumnos en función da etapa educativa.

O médico advirte de que cómpre atender tamén a incidencia do lugar onde se localizan os centros de ensino, "non é o mesmo que falemos do barrio da Milagrosa ou de Arteixo, onde a incidencia é altísima, que nun lugar do rural onde o virus apenas circule". Ve, ademais, "complicada" a volta ás aulas ao non haber protocolos claros nin para profesorado nin para familias.