Luis Emilio Batallán abandona a greve de fame

luis emilio batallan

O cantautor e médico xubilado Luís Emilio Batallán suspendeu a greve de fame "por recomendación facultativa do médico responsable do seu seguimento". Así o confirmou esta segunda feira o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. Os médicos temían que se producise un dano irreversíbel nos riles debido a un cálculo renal.

 

Batallán afirmaba que a greve era un protesto contra a política de privatizacións e “austericida” que o goberno de Núñez Feixóo leva a cabo na sanidade pública galega. Batallán é médico e en 2013 foi afectado pola xubilación forzosa a raíz do decreto da Xunta que impediu a prórroga da carreira dos facultativos alén dos 65 anos. Unha xubilación que recorriu. 

 

Luis Emilio Batallán é, tamén, o autor de ‘Ahí ven o maio’. Editado en 1975, está considerado como o disco en galego máis vendido. No álbum, o de Moraña versiona poemas de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro. Un traballo imprescindíbel, que vendeu centos de miles de copias e que comprende temas que xa fan parte da historia da música en galego como ‘Notas necrolóxicas’, ‘Quen poidera namorala’ ou o que dá título ao LP.