Educación

Máis dun centenar de estudantes exixen apartar da docencia Luciano Méndez após voltar ás aulas

Protesta ás portas da Facultade de Economía da USC. (Foto: Europa Press)
O profesor sancionado en varias ocasións pola USC volve impartir aulas este curso logo de tres anos castigado sen emprego e soldo por comentarios vexatorios e machistas.

Máis dun centenar de estudantes da Universidade de Santiago concentráronse esta cuarta feira para exixir tanto á institución educativa como aos responsábeis de Educación que tomen "as medidas necesarias" para apartar da docencia o profesor Luciano Méndez Naya, que vexou unha alumna con escote en 2016. Así o fixeron, de novo, ás portas da Facultade de Economía, na tarde de hoxe cando o profesor estaba impartindo aulas, na que se escoitaron berros de 'fóra machista da universidade!' e 'queremos estudar sen ter medo!'.

Ademais, portaron varios carteis reivindicativos, un deles coa fotografía do profesor e no que se podía ler 'non é a minisaia, non é o pantalón, na mente do machista está a provocación'. "Consideramos inaceptábel que un home cun longo historial de actitudes misóxinas nas aulas volva impartir docencia. Un home que nunca pediu perdón polos seus comentarios, nin nunca mostrou ningún tipo de arrepentimento ou intención de cambio na súa actitude", denunciou unha das integrantes do sindicato Erguer, Iria Nande.

Actualmente, as alumnas de Primeiro e Segundo de Economía volven ter aulas con Méndez Naya. Nunha delas presentouse, a pasada semana, "reafirmándose nos comentarios que motivaron a súa sanción", afirmaron. Nese día de presentación, tería dito que fora expulsado do centro universitario por "chamar a atención a unha alumna por levar un escote até o embigo".

O sindicato lembrou que as alumnas deste profesor pagaban unha academia "por medo" a ter unha titoría con el, e mesmo "vestían de forma diferente" se lles daba clase ese día por "medo aos comentarios". Entenden tamén que para a universidade "non é fácil" solucionar esa situación, pero replican tanto á USC como á Consellaría que "ten que haber mecanismos" para que ese tipo de situacións non se dean nas aulas.

"Homes abertamente misóxinos e que teñen un historial como o seu, que non mostran arrepentimento, non poden estar nas aulas", reafirmou Nande. Das alumnas deste ano aínda non recibiron "queixas", pero matizan que a xente "ten miedo de como poida actuar el", pois segue a impartir aulas e "teñen medo ás represalias académicas que poidan sufrir".

Con todo, avanzaron que esas peticións farannas saber á institución educativa na próxima sesión do claustro, e xa organizaron unha asemblea aberta para o alumnado deste profesor para valoraren como se desenvolve a situación.

Tamén leron un comunicado no que recordaron cada unha das accións do profesor. No ano 2016, Méndez dixo nunha aula que o "desconcertaba" o "ruído dos bolígrafos e o escote dunha alumna". Esa alumna presentou unha queixa formal ante o Decanato e, en resposta, o profesor difundiu un comunicado no que afirmaba que "hai vestimentas completamente inadecuadas para acudir a unha clase de Matemáticas" e aseguraba que "ou se cambian as regras do xogo" ou os patróns sexuais nos que se educa ou "vai seguir alterándome un escote excesivo".

Ante isto, a USC abriulle un expediente disciplinario e foi suspendido de emprego e soldo durante dous meses. Dous anos máis tarde, en 2018, publicou un vídeo a favor dos condenados de 'La Manada' por unha violación grupal no que afirmaba, entre outros comentarios, que a vítima "gozou" e que "sabía ao que ía". En 2019 exixiu a unha alumna "que sentase na última fila", onde non a puidese ver, "se non tapaba o escote". A alumna presentou outra queixa e foi entón cando a USC abriu outro expediente disciplinario que o sancionou durante tres anos sen emprego e soldo. E agora, unha vez rematada a sanción, voltou ás aulas.