Luciano Méndez, o 'profesor machista' da USC, condenado por agredir axentes da Policía Nacional

O profesor da USC Luciano Méndez. (Foto: Europa Press)
O docente golpeu dous policías fronte á comisaría de Santiago de Compostela.

A Audiencia da Coruña confirmou a condena a un ano e tres meses de prisión ao profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Luciano Méndez Naya por agresión a dous axentes da Policía Nacional durante un altercado en Santiago.

O docente, coñecido polos seus vídeos en redes sociais apoiando a 'A Manada', foi suspendido de emprego e soldo pola USC até 2023 por reiterados comentarios machistas sobre o escote e a indumentaria das súas alumnas.

Os feitos aos que fai referencia a sentenza remóntanse a 2018, cando o docente tiña o seu vehículo aparcado fronte á comisaría de Policía Nacional de Santiago de Compostela.

Agresión aos axentes

Segundo recolle o fallo, o home tentaba arrincar o coche "sen conseguilo" cando un axente se achegou a el e lle dixo que quizais o problema se debía á acción "do inhibidor de frecuencia". Foi entón cando o condenado "reaccionou de maneira violenta e tentou fechar a porta co axente no medio", chegando a golpealo nas costas até en dúas ocasións.

Luciano Méndez saíu entón do vehículo e propinoulle ao policía "unha forte losqueada na cabeza". Cando se dispoñía a golpearlle de novo, foi detido por outro axente, que tamén resultou ferido. Foi necesaria a intervención de cinco policías para reducilo, recolle a sentenza.

Ambos os policías sufriron lesións como consecuencia do forcexo. Un deles precisou 46 días para a súa curación e o outro 20 días.

O profesor, que aínda permanece suspendido pola USC á espera de que se diriman os recursos presentados á reclamación xudicial pola duración desta sanción, recorreu a sentenza, que foi confirmada pola Audiencia da Coruña.

Concretamente, foi condenado a un ano de prisión polo delito de atentado contra a autoridade e a tres meses por un delito de lesións. Tamén se lle impuxo un mes de multa a razón de seis euros diarios por outro delito leve de lesións e deberá indemnizar un dos axentes con 2.475,26 euros.