É investigadora do Instituto Oceanográfico de Vigo

Lucía Viñas: "A contaminación poder reverter, a longo prazo, se deixamos de botar contaminantes no medio"

Lucía Viñas. / Nós Diario
Xunto a Victoria Besada e Begoña Pérez-Fernández, no Instituto Oceanográfico de Vigo (IOV), e Antonio Bode, no Instituto Oceanógrafico da Coruña (IOC), forma parte do equipo de investigadores que o vindeiro novembro publicará en Environmental Research os resultados do seu estudo sobre a persenza de contaminantes nos ovos de gaivota, que xa se poden consultar en liña. 

En que consiste o estudo que vai publicar Environmental Research en novembro?
É un traballo que fixemos para ver se os ovos de gaivota patiamarela, que é a máis habitual por aquí, nos servían como bioindicador de contaminación. Era unha forma de ver como están os contaminantes na zona e se eramos capaces de diferenciar as illas Cíes e Vigo analizando ovos dos dous lugares. O estudo indica que os ovos son válidos como bioindicadores e que sitios que están tan preto un de outro teñen diferenzas significativas na cantidade de contaminantes, probabelmente debido ao que están a comer unhas e outras gaivotas.

Que tipo de contaminantes eran os que buscaban?
Centrámonos en analizar os contaminantes que son máis habituais nos programas de control de contaminación, porque contaminantes hai milleiros, pero non se poden analizar todos e, entón, selecciónanse grupos que representan tipos de contaminación. Neste caso analizamos metais pesados, pesticidas e outros compostos clorados e tamén contaminantes bromados. Nos tres grandes grupos atopamos diferenzas estatisticamente significativas nas concentracións entre Vigo e As Cíes. De forma que, se estivésemos a facer isto a nivel global, seríamos capaces de diferenciar a contaminación dun lugar e do outro, simplemente analizando os ovos da gaivota. Isto é, dalgunha maneira, o máis importante.

Houbo sorpresa cos resultados obtidos?
A información de que a zona das Cíes está máis limpa que a zona do porto de Vigo xa a tiñamos, xa estabamos a traballar con mexillón de rocha, sedimentos... que son as matrices habituais para analizar a contaminación, así que xa sabiamos da diferenza. De aí tentamos comprobar que esta nova matriz tamén servía. Agora sabemos que, naqueles lugares nos que sexa máis complexo atopar mexillón ou outro tipo de matriz, os ovos de gaivota serven e funcionan ben. O equipo de Vigo centrouse na parte química e o compañeiro que nos axudou desde o Oceanográfico da Coruña, Antonio Bode, ocupouse de ver a cadea alimentaria: o nivel trófico do grupo de gaivotas de Vigo e das Cíes, se se estaban a alimentar doutro tipo de comida. Pero non houbo grandes diferenzas, que foi algo que nos chamou á atención, o nivel trófico dunhas e doutras é moi semellante, pero as de Vigo estaban máis centradas nun tipo de comida ou tiñan menos variedade de alimento que as das Cíes.

Como afectan estes contaminantes á cadea trófica?
É una situación que se pode reverter? Este tipo de contaminantes teñen, como parte do problema, que son moi persistentes no medio e, unha vez que chegan, van estar durante décadas causando problemas, porque nalgúns casos son tóxicos. Polo tanto, reversíbeis poden ser a longo prazo e sempre que deixemos de seguir botando este tipo de contaminantes no medio. En xeral, afectan a toda a cadea trófica, os metais pesados son os máis coñecidos pero, entre os pesticidas, nos clorados que analizamos hai algún tan coñecido como TDT e tamén hai outros tipos que, na maioría dos casos teñen prohibido, o uso desde hai anos, o problema é que son tan persistentes que aínda os seguimos a atopar. Os animais que están na parte alta da cadea trófica, como poden ser as aves mariñas, acaban por concentrar estes contaminantes porque comen peixes, que tamén están a comer plantas do fondo mariño... É dicir, a través da cadea trófica estes compoñentes contaminantes van bioacumulándose e biomagnificándose