Lucía Sampedro: “As compresas de plástico tardan até 500 anos en desaparecer do lugar no que se deixaron”

O obradoiro Lula Pink está situado na Escuadra (A Lama). (Foto: Nós Diario)
Lucía Sampedro é a fundadora de Lula Pink, un obradoiro téxtil especializado no deseño e confección de compresas de tea para a menstruación. Trátase dun proxecto de “economía sostíbel”, baseado nun modelo de proximidade e nun trato moi próximo coas clientas. Sampedro, que xa traballara en Vigo nun tenda ecolóxica especializada en maternidade e crianza natural, viu como o seu negocio creceu en internet pola pandemia. Ademais de no seu obradoiro, as súas compresas están a venda na súa web. 

-Que a levou a fundar o seu obradoiro téxtil? 

Eu comecei tendo unha tenda ecolóxica na cidade de Vigo que estaba orientada cara á maternidade e a crianza natural. Tamén había unha parte máis dedicada á muller.

Tiñamos desde copas menstruais até compresas de tea, mais as que tiñamos non me acababan de convencer, xa que ao meu entender a súa forma non era a máis axeitada. Ademais, viñan de moi lonxe. Nun momento no que me trasladei a vivir á Lama, e coa coincidencia de que tiña ganas de comezar a coser, decidín enfocarme cara á confección particular de compresas de tea. Parecíame unha boa maneira de ter recursos para vivir no rural.

-Elabora só compresas de tea?

Teño que dicir que ao principio si que contaba con algo máis de variedade de produtos. Tamén traballaba con pezas como os portabebés e mochilas para que as proxenitoras poidan levar as crianzas enriba, bandoleiras e demais produtos do estilo. Porén, ao final decidín darlle un cambio ao negocio e especializarme máis en todo o relacionado coa muller. Foi aí cando me centrei máis no tema das compresas de tela. Sobre todo porque sentía que era o que máis me enchía e me satisfacía nese momento. Conto con estar centrada só niso durante un tempo.

-Que diferenzas teñen estas compresas a respecto das compresas convencionais?

Penso que a diferenza máis grande que teñen estas compresas con respecto ás típicas dos supermercados é a súa composición. Unhas son de tea, e as outras son unha suma de plásticos. Isto ten unha dupla vertente. Por unha parte, as compresas de plástico, ao igual que os cueiros das crianzas, tardan até 500 anos en desaparecer do lugar no que foron depositadas. Estamos falando dunha cuestión ecolóxica. Por outra parte, moitas persoas teñen problemas de irritacións e alerxias ao plástico, e as compresas convencionais agravan esta situación. As de tea son unha alternativa real para esta xente. Non teñen nada que ver coas de plástico.

-Que acollida adoitan ter as compresas de tea?

Cando eu comecei a confeccionar compresas de plástico, penso que aínda eran un elemento bastante novidoso e, se me apuras, raro para a xente. Cando lle falabas a alguén delas mirábache cunha cara de “que me estás contando?”. Hoxe en día, non en tanto, considero que é un produto moito máis coñecido e normalizado, tamén polas problemáticas que cubre. Aínda así, penso que o círculo de xente que as emprega ou as coñece segue estando moi centrado en persoas que manteñen unha alimentación máis sostíbel e consciente, que teñen unha conciencia crítica e ecoloxista moi definida... A estas hai que sumarlles as persoas que, por causa de saúde, téñenas que empregar, tal e como che dicía antes. Penso que aínda é algo minoritario, pero xa se avanzou moito.

-Como convencería alguén que está dubidando se pasarse ás compresas de tea?  

O primeiro e máis importante é que a persoa queira dar o paso, porque ela ten a última palabra nesa decisión. Aínda que sexa por simple curiosidade, se esa persoa non quere probar as compresas de tea, non hai maneira. Considero que a imaxe que se ten das compresas de tea de antes, que eran en moitos casos trapos, xa non ten nada que ver coa realidade de hoxe en día, na que as compresas están feitas con materiais moi confortábeis para o corpo. Penso que, ademais, hai un tema relacionado co futuro, e con favorecer as economías locais e de proximidade. Non mercar cousas que veñan de moi lonxe para evitar o impacto ambiental que supón o seu transporte. Intentar apostar por un comercio xusto.