Lucía López, artesá: "Son consciente de que somos un exemplo para que veña outra xente nova ao Courel"

Lucía López, artesá no Courel (David López)

A historia de Lucía López Seoane é común á de moitas mozas e mozos que buscan o seu futuro guiándose polos sentimentos. Ela pasou por varias cidades e profesións até atopar o seu lugar en Santa Eufemia, no municipio de Folgoso do Courel. A chamada familiar pesou nesta escolla como para fechar un círculo. Experimentou a soidade dun territorio fermoso que amosa a súa dureza para aquelas persoas que deciden vivir nel todo o ano. Agora, coa pandemia mundial, notou aínda máis o afastado que está. A aposta profesional dependerá do seu enxeño.        

Pensou algunha vez que sería artesá?

Nacín en Monforte e crieime alí até os 18 anos que fun estudar Belas Artes a Pontevedra. Non me gustou a experiencia e deixeino. Sempre quixen ser creativa no debuxo e nas artes plásticas mais para min non foi unha boa experiencia. Enfoquei a miña carreira profesional na hostalaría, estudando en Compostela para dedicarme a esta profesión. Tampouco me sentía feliz, se cadra por ser unha cidade, e decidín vir ao Courel.

Por que no Courel?

A miña familia era do Courel e viviron aquí. Sempre viña as fins de semana. Vin a oportunidade de facer algo que me gusta e non a desaproveitei. Foi un pouco de tolería e de querer achegar algo a este lugar.  

E a idea de dedicarse á artesanía?

Foi dun día para outro. Comecei a facer obxectos con madeira. Foi un cambio brutal, vir dunha cidade onde tes de todo... Os inicios foron duros, mais con ilusión lévanse ben. Propúxenme facer algo diferente, que non houbese aquí.

En que é duro?

Non hai xente nova, hai moita soidade. É duro adaptarse. Aproveitas que hai unha boa calidade de vida mais non deixas de ver a realidade de que na aldea somos quince persoas vivindo e a media de idade son 70 anos. Imaxina, eu que cheguei con 27 anos. Non son a única. Hai unha rapaza un pouco máis nova ca min que estudou Educación Infantil e quixo estar aquí, agora mesmo montou unha "casa niño" e di que non pensa marchar. Outro caso é un rapaz da miña idade que ten colmeas. Logo están as distancias, cada un está nun lugar diferente do Courel. Son consciente de que somos un exemplo para que veña outra xente nova.

Debería haber máis recursos para repoboar estas zonas?

Apoios económicos non hai. Por parte do concello si e tamén dos poucos comercios que quedan. O principal apoio foi a familia e a veciñanza. É moi complicado apostar por un negocio no rural.  

Como definiría a súa obra? Ten trazos característicos?

É un proxecto de creatividade rural con garabullos. Emprego madeira autóctona, como o freixo, e tento probar con calquera que me atopo cando vou de paseo. Comecei pensando en obras decorativas e agora mudei cara a obras máis prácticas e funcionais, que sexan uns agasallos orixinais. Estou nun proceso de máis utilidade. Penso que como teremos unha crise económica enorme, as miñas obras deben tender a ser de utilidade.

Pasei de facer marcos para cadros a outro tipo de obras encamiñadas cara á hostalaría. Gustou a miña obra neste sector e xa teño varios encargos neste sentido. Recoñezo que me gusta adaptarme ás ideas que me transmiten, non teño reparo. A cabeza non me para e agora xa estou cunha serie dedicada ás lámpadas. Aproveito a madeira de poda cando é a época, é beneficioso para ambos, para a natureza e para min. Tento participar da participar da cadea sustentábel da natureza.

Notou a pandemia aquí tamén?

O turismo é importante para o Courel. Con estas circunstancias actuais da pandemia recoñezo que mudei. Tiven que deixar a idea de expor, darme a coñecer de maneira presencial. Reflexionei e, aínda que non me arrepinto da decisión que tomei, o confinamento tivo en min impacto. Fixo tamén que me movese. Se non chega a xente, teño que chegar eu a ela a través das redes sociais.