Lucía García é bióloga e integrante de Voces Matrias

Lucía García: "Somos a metade da poboación, é inadmisíbel ser consideradas cidadás de segunda"

Lucía García (cuarta pola esquerda) e outras mulleres de Cerdedo-Cotobade puxeron en marcha Voces Matrias. (Foto: Nós Diario)
Un grupo de rapazas e mulleres do concello de Cerdedo-Cotobade veñen de fundar a asociación Voces Matrias, un colectivo feminista que conta coa pretensión de “promover a igualdade real entre mulleres e homes a nivel local”. As súas fundadoras, Lucía García, Lucía Aguete, Esther Vázquez e Chus Vázquez, contan con diferentes idades e formacións, mais defenden un obxectivo común: pular polo feminismo e a igualdade no concello ante a falta de iniciativas públicas.

Por que decidiron crear esta asociación no seu concello?

Decidimos constituír Voces Matrias porque observábamos a inexistencia de colectivos e asociacións en Cerdedo-Cotobade que pulasen polo feminismo e pola loita pola igualdade. Somos un grupo de rapazas da zona, con diversas idades, distinta formación e en momentos vitais diferentes que comezamos a traballar xuntas por primeira vez. A título persoal, eu tampouco participara nunca neste tipo de iniciativas con anterioridade. A pesar de todo iso, tiñamos moi claro que a existencia e a posta en marcha dun colectivo coma este era moi importante. Entendémolo como unha necesidade para o desenvolvemento e a evolución do noso concello.

Cales diría que son os obxectivos de Voces Matrias?

Temos varios obxectivos para cumprir agora mesmo. Por unha parte, potenciar o talento feminino e dar visibilidade a todo o potencial que existe na contorna do concello de Cerdedo-Cotobade. Por outra, denunciar todas as desigualdades e posíbeis situacións de intolerancia e machismo que poidan chegar a producirse na zona. Finalmente, queremos servir de ferramenta para todas aquelas mulleres que necesiten nalgún momento da nosa axuda. Pódese dicir que todos estes obxectivos converxen e únense nunha finalidade colectiva e común, que é a construción dun movemento feminista combativo e unitario, baseado nos valores da solidariedade, a colectividade e o apoio mutuo entre todas nós.

Que tipo de iniciativas pensan levar a cabo para traballar nestes obxectivos?

A nosa idea para lograr o éxito nestes obxectivos é desenvolver e organizar numerosas iniciativas e actividades. Por unha parte, aquelas que vaian dirixidas ao eido formativo e divulgativo. Iso inclúe charlas e faladoiros, creación de contidos para as nosas redes sociais... tamén contamos cunha páxina web na que esperabamos publicar contidos vencellados co feminismo e coa igualdade de maneira cotiá. Por outra, temos claro que levaremos a cabo todos os actos reivindicativos que sexan necesarios para cumprir positivamente os nosos obxectivos. Nós estamos dispostas e abertas a colaborar con outros colectivos e asociacións da comarca, ademais doutros colectivos sociais do concello, co fin de traballar conxuntamente para mellorar o concello e a súa contorna.

Pensa que o feminismo na Galiza pasa por un momento de auxe?

Penso que o feminismo, grazas ás asociacións e colectivos que o defenden, está a moverse cada vez máis no noso país. No en tanto, cómpre entender que aínda queda moito por facer para seguir a visibilizar o movemento e a súa importancia. O camiño a seguir é concienciar a rapazada sobre estes valores. É un traballo que ás veces é duro, pero debe continuar, porque quedan moitos pasos por dar para concienciar toda a sociedade acerca do feminismo.

As Administracións e institucións públicas están a xogar o papel que lles toca para fomentar e potenciar o feminismo na sociedade? 

Agora mesmo considero que non se está a facer o suficiente para alcanzar iso. Poderían dar moito máis de si para traballar nese obxectivo. É difícil quedar cunha única medida que se debería levar a cabo xa, mais penso que se debería abordar de inmediato a promoción e a educación entre as cidadás de que o traballo que fan as mulleres é igual ao que fan os homes. Somos a metade da poboación do planeta, e é inadmisíbel que poidamos ser consideradas cidadás de segunda. Iso é algo no que se debe traballar desde xa para que se poida ter unha base sobre a que construír despois.