Lucía Estrada, doente de Covid persistente: "Vivo nunha constante febrícula e cada esforzo pon o meu corpo ao límite"

Lucía Estrada Csaky deu positivo por coronavirus o 12 de marzo de 2020, ten Covid persistente e segue de baixa. (Foto: Nós Diario)
Perto dun cento de persoas, 80% mulleres, cunha idade media de 43 anos, integran a asociación Long Covid Galiza, un colectivo que busca dar a coñecer e reivindicar a realidade das doentes con Covid persistente. Dous anos despois da pandemia, as primeiras afectadas comezan a facer fronte ao procedemento de incapacidade permanente.

A vida de Lucía Estrada Csaky (A Coruña, 1982) cambiou de súpeto o 12 de marzo de 2020.  Ese día comezou a sentir os primeiro síntomas da Covid, unha doenza que pasou inicialmente na casa e que a obrigou a ingresar no hospital nos primeiros de abril, en pleno confinamento baixo o estado de alarma. Non precisou ingreso na UCI mais botou 10 días baixo supervisión médica.

Desde entón, convive con algúns dos síntomas iniciais do coronavirus e con outros de nova aparición. Coma ela, outras moitas persoas na Galiza. Perto dun cento son parte da asociación Long Covid, da que é portavoz. "Somos 94 e cumprimos coas cifras oficiais que se manexan sobre a Covid persistente: somos 80% mulleres, cunha idade media de 43 anos e cunha sintomatoloxía moi variada". E a maioría pasou a infección aguda na casa.

Defenden a existencia da Covid persistente como unha doenza de seu, xa recoñecida pola OMS. "Non nos gusta falar de secuelas. Consideramos que se trata dunha entidade propia, unha enfermidade multisistémica cunha serie de síntomas que persisten ou reaparecen no tempo", afirma Estrada. Neste sentido censuran e consideran ofensivo, ademais de incoherente, o pronunciamento público de profesionais e estudosos que negan a existencia da doenza ou a relacionan cunha "síndrome psicosomática" obviando as definicións actuais.

Unha vida truncada

Contra estes exemplos expoñen a propia experiencia e destacan o esforzo de quen contribúe a un mellor coñecemento da súa condición co obxectivo de devolverlles a calidade de vida que moitas perderon dous anos atrás. Dous anos de síntomas persistentes, baixa laboral, axendas baleiras de plans e unha peregrinación sanitaria que continúa.

"Despois de dous anos eu manteño disnea, falta de aire. Cun mínimo esforzo físico, unha ducha, un labor da casa, un recado, teño que tombarme. Pero ese malestar non mellora co descanso. De feito, unha característica común é o que se chama fatiga postesforzo, que exixe que teñamos que medir cada paso e non exceder o límite que nos impón o noso corpo".

Ademais da sintomatoloxía respiratoria, moi estendida entre as pacientes con Covid persistente, Lucía Estrada destaca a neurolóxica. "Sufrimos un enlentecemento da capacidade de procesamento e da memoria a curto prazo, o que chaman néboa mental". A voceira de Long Covid Galiza salienta as súas dificultades para ler ou manter unha conversa. "Se me falan, moitas veces non son capaz de procesar o que me din. É como un bloqueo mental, como se se dirixisen a min nun idioma que non coñezo. Intelectualmente é moi duro".

"Eu era ou son economista, xa non sei, afeita a un ritmo intenso, a lecturas técnicas e lexislativas diarias. Hoxe teño que ler un parágrafo cinco ou seis e aínda así remato e sigo sen acordarme do que lin".

 Moitas doentes sofren afasia, un trastorno da linguaxe que dificulta a fala, tamén tromboembolismos e accidentes cardiovasculares, cefaleas e disautonomía. "É a alteración do sistema nervioso autónomo, que regula a temperatura, a frecuencia cardíaca, a suor... Eu vivo nunha febrícula constante pero hai quen perdeu o control do esfínter".

Diagnóstico e equidade

Após dous anos, as primeiras doentes de Covid persistente asisten ao inicio do procedemento de incapacidade permanente, "sen un diagnóstico, sen que os informes reflictan a súa situación real. Estamos nun momento chave para atallar a nosa saúde física e laboral. Porque o que non está escrito, non existe", insiste Estrada.

Long Covid Galiza vén ocupar un espazo esencial neste percorrido. "Sabedoras das carencias e das diferenzas que existen dentro da Galiza pedimos o recoñecemento do diagnóstico, a humanización do trato ás doentes, a homoxeneización en todas as áreas da avaliación, seguimento e tratamento da Covid persistente. É esencial a concienciación da Atención Primaria e unha abordaxe multidisplinar das doentes, que só queremos unha cousa: recuperar a nosa vida".

Pode contactar con Long Covid Galiza por correo electrónico: longcovidgaliza@gmail.com e covidpersistentegaliza@gmail.com ou a través das súas redes sociais: Long Covid Galicia, en Facebook e @CovidGaliza, en Twitter.