Lucía Barros, presidenta de Esculca

“Baixo o amparo da lei antiterrorista estanse vulnerando dereitos civís básicos”

Lucía Barros, presidenta de Esculca

A lei antiterrorista voltou a ser aplicada a catro independentistas da Galiza após as detencións producidas pola Garda Civil o 15 e 17 de xuño. Conversamos con Lucía Barros arredor da vulneración de dereitos que entraña a lexislación española.

No marco da denominada “operación Lusista” a Garda Civil detivo na Galiza o 15 e 16 de xuño catro independentistas aos que, sob a acusación de pertenceren a Resistencia Galega, aplicóuselles a lei antiterrorista, sendo trasladadas a Madrid e incomunicadas até o día 18, en que pasaron a disposición xudicial na Audiencia Nacional. O xuíz Manuel García Castellón decretou prisión incondicional. Sermos Galiza conversa con Lucía Barros Miñones, presidenta de Esculca, o Observatorio galego para a defensa dos dereitos e liberdades.

Como valora a incomunicación á que as catro persoas detidas foron sometidas após as detencións?

O réxime de detención incomunicada é unha medida absolutamente desproporcionada que conleva unha grave vulneración dos dereitos humanos e que foi criticada en numerosas ocasións por autoridades e organismos internacionais. A súa aplicación supón unha forma de maltrato inadmisíbel que restrinxe o dereito á defensa, posto que non permite o acceso a un letrado ou letrada de confianza, permite a ampliación da custodia policial até cinco días e facilita a existencia e a práctica de tortura.

Que outros dereitos vulnera a aplicación da lei antiterrorista?

Baixo o amparo da lei antiterrorista estanse vulnerando dereitos civís básicos. Desde o dereito á defensa, por imposición dunha letrada ou letrado de oficio, até o dereito ao xuíz natural (dereito á designación dun xuíz imparcial, ordinario) porque se concede a competencia exclusiva destes casos aos xulgados centrais e á Audiencia Nacional.

A súa aplicación, de forma cada vez máis ambigua e ampla, e o aumento de condenas por enaltecemento de terrorismo atentan tamén contra o dereito á liberdade de expresión, de asociación e reunión.

É a Audiencia Nacional o tribunal que debería xulgar estas persoas?

A Audiencia Nacional é un tribunal excepcional, herdeiro do Tribunal de Orde Pública previsto para a persecución da disidencia política que mantén, a día de hoxe, competencias especiais que non teñen comparación en outros estados de Europa.

A Audiencia Nacional é unha anomalía xurisdicional que non debería ter competencias penais

Tradicionalmente, as súas condenas dan carácter pericial aos informes, hipóteses e valoracións das forzas de seguridade do Estado, que deixan de actuar como simples testemuñas para converterse en peritos infalíbeis.

A Audiencia Nacional é unha anomalía xurisdicional que non debería ter competencias penais.

Estase a respectar a presunción de inocencia?

Como noutras ocasións asistimos a un amplo e desproporcionado dispositivo da Garda Civil para proceder á detención de catro persoas e á conseguinte campaña mediática de criminalización.

É evidente que non se está respectando a presunción de inocencia. As persoas detidas son sinaladas, presentadas como terroristas e condenadas publicamente antes de xuízo. Nesta lóxica, a prisión provisional, a todas luces excesiva, aplícase como anticipo claro de castigo.

Non se está respectando a presunción de inocencia

De novo, os medios convencionais aceptan sen cuestionar a tese policial e, unha vez máis, non tardarán en estender a culpabilidade e desacreditar a toda persoa, organización ou colectivo que teña relación con Resistencia Galega, importando a Galiza o modelo perfeccionado durante anos en Euskadi.

Aplícaselles esa lei por pertenza a banda terrorista. Mais, existe Resistencia Galega?

O Tribunal Supremo considerou en 2014 que Resistencia Galega era unha organización que, en fase “incipiente, sen consolidada estruturación e con limitada incidencia na sociedade galega”, era terrorista.

Por tanto, falamos dunha organización que nin ten estrutura, nin aterroriza, que nunca reivindicou a súa existencia pero que merece toda a atención da Garda Civil, do tribunal excepcional e da propaganda do reino… Esforzos que, con toda seguridade, buscan manter a engranaxe política e xudicial do Estado e afondar no populismo punitivo e na criminalización e represión de todo tipo de resposta social.

Pódese dicir que houbo avanzos nestes anos na cuestión penitenciaria e no achegamento de presas e presos independentistas a Galiza?

Se ben nos últimos anos asistimos ao achegamento de presas a Galiza, isto non significa que poidamos falar da fin das políticas de dispersión nin afirmar que existen melloras nas condicións penitenciarias.

Nas prisións galegas aplícanse con carácter sistemático réximes pechados e de isolamento que manteñen as persoas presas en absoluta soidade durante meses. E non son poucas as denuncias por malos tratos, abusos ou irregularidades.

Nas prisións galegas aplícanse con carácter sistemático réximes pechados e de isolamento que manteñen as persoas presas en absoluta soidade durante meses

Da gravidade da situación deu conta o Comité Europeo de Prevención da Tortura na súa visita de 2016. O informe refería nove casos de torturas e malos tratos acontecidos entre os anos 2007 e 2015 que non foron obxecto de investigación e definía a situación do cárcere de Teixeiro como “inaceptábel”.

O réxime FIES, a deficiente atención sanitaria, as pésimas condición de habitabilidade, a suxeición mecánica, os ataques á dignidade psíquica e física, as restricións que afectan ás posibilidades de estudo, as enormes dificultades que atopa calquera persoa ou colectivo para coñecer o que acontece por tras dos muros… son outras das reclamacións que en cuestión penitenciaria urxe adoptar.