A estrada LU-651, cortada desde hoxe polas obras na ponte sobre o río Lor en Folgoso

Estrada LU-651.

Para facilitar o desprazamento entre Folgoso do Courel e Seoane durante o corte, até o domingo, haberá itinerarios alternativos.

A estrada LU-651 fica cortada ao tráfico desde esta cuarta feira con motivo das obras de reforzo que se están a executar na ponte sobre o río Lor, en Folgoso do Courel. O  corte total da estrada entrou en vigor ás 9 horas de hoxe e continuará até o vindeiro domingo, día 10, contra as 18 horas, aproximadamente.

Así o notificou a Xunta da Galiza, perante un comunicado no que explicou que as actuacións son necesarias para "reforzar a seguridade e a vialidade de forma eficiente" na ponte, debido ao incremento de tráfico pesado polas obras de mellora da estrada entre Ferrería Vella e Seoane do Courel.

Estes traballos preventivos desenvolveranos na ponte á altura do punto quilométrico 27,18. Con todo, para facilitar o desprazamento entre Folgoso do Courel e Seoane durante o corte, haberá itinerarios alternativos.

Así, as e os viaxeiros poderán tomar en Folgoso a estrada LUP-4701, cruzar o río Lor na ponte de Baldomir, e a 4,5 quilómetros, collendo o desvío por unha estrada local cara a Eiriz e Lousadela, onde se tomaría a LU-P-1306 cara á Seceda e Sobredo até volver á LU-651, á altura de Mogoxe.

Para acceder a Seoane, especialmente os vehículos pesados, tamén poden optar por diferentes percorridos. Poderán acceder pola estrada provincial LU-P-1301 que entra no concello polo norte, procedente de Hospital, en Pedrafita do Cebreiro.

Tamén poderán chegar pola LU-P-5601, por Lóuzara e Meiraos. Outro roteiro sería a LU-P-1303, que provén do leste e do sur, procedente de Quiroga, por Ferramulín, Hórreos e Visuña.

Os accesos tanto a Ferreirós de Arriba como a Ferreirós de Abaixo desde Folgoso do Courel non se ven afectados. Da mesma forma, os accesos desde Seoane á Ferrería Nova, Ferrería Vella e Mercurín tamén permanecen operativos.