Lotaría de Nadal

250 millóns en premios, 'Gordo' en 17 localidades e chuvia de cartos en Riotorto (alcalde incluído): así foi o sorteo

Empregados da administración situada no Café Venecia de Santiago celebran que venderon parte do número 88.008, agraciado co 'Gordo'. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A sorte sorrí especialmente á Coruña e O Grove, que acumulan 220 millóns de euros grazas ao segundo premio, mentres Riotorto reparte case 11 millóns cun quinto.

O Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal volveu a deixar na Galiza, un ano máis, unha choiva de case 250 millóns de euros entre os principais premios. Iso si, quedou lonxe da contía que caera no país o ano pasado, superior aos 360 millóns só co 'Gordo'. Este ano, o primeiro premio deixouse sentir en 17 municipios, principalmente na Pobra do Caramiñal (Barbanza) con 20 décimos vendidos do 88.008.

Pero o que de verdade deixou xenerosas cantidades de diñeiro foi o 58.303, segundo premio, con 162,5 millóns na Coruña e máis de 56 millóns no Grove (O Salnés). Os únicos que non fixeron acto de presenza no país foron o terceiro e os dous cuartos premios. 'O Gordo' foi máis discreto este ano en comparación ao anterior, que asperxeu con máis de 360 millóns á Coruña e mais A Fonsagrada. Neste 2023, no conxunto da Galiza vendéronse 42 décimos do 'Gordo', a gran maioría de forma solta.

A única localidade que acaparou algo de fortuna co principal galardón deste Sorteo Extraordinario de Nadal foi A Pobra do Caramiñal. A administración número 3, rexentada por un matrimonio desde hai cinco anos, vendeu dúas series —20 décimos— do 88.008, polo que a contía repartida ascendeu a 8 millóns de euros. Vanesa Lojo e Fernando Santos recoñeceron en declaracións á axencia Europa Press que, a pesar de que non se achegou ningún agraciado, si descorcharon a champaña para compartir a súa alegría con algún veciño que acudiu a celebralo. Confían en que "oxalá" este premio atraia máis vendas.

Este foi, ademais, o 'Gordo' máis tardío da historia, que saíu pasadas as 13.15 horas do mediodía. Deixouse sentir tamén en Val do Dubra (comarca de Santiago), con tres décimos vendidos, así como en Lugo e Vilagarcía de Arousa (O Salnés), con dous en cada unha. Tamén se expediron boletos soltos do 88.008 en Vigo, O Porriño, Marín, A Illa de Arousa, Salvaterra de Miño, Santiago, A Coruña, Cambre, Culleredo, Porto do Son, Lugo, Baralla, Ourense e Xinzo de Limia.

Chuvia de cartos co segundo premio

Pero, sen dúbida, o número que máis diñeiro deixou no país —uns 220 millóns— foi o 58.303, segundo premio tamén bastante tardío, coñecido apenas uns minutos antes do 'Gordo'. Na Coruña, a administración 'El filón de oro', situada na rúa Nova, vendeu 1.300 décimos desta cifra que se dividiron, á súa vez, en moitas participacións. Entre os múltiples empapados por esta choiva de 162,5 millóns están a protectora de animais Gatocan e a Asociación de Amas de Casa da Coruña, que repartiu 173 décimos divididos en participacións de catro euros. Á súa administradora, Guadalupe Rivera, custáballe crelo: "Cando mo dixeron pensei que me estaban tomando o pelo. Non mo cría".

Contou a Europa Press que cada ano escollen o número "completamente ao azar", como tamén fixeron este ano no que se estrearon como premiadas pola Lotaría. E que farán co diñeiro? "Primeiro, celebralo con todos os socios e socias. Tomarnos unha copiña e logo pensaremos a ver até onde se pode estirar para facer algún evento especial", comenta, admitindo tamén que destinarán parte para o Sorteo do Neno, do 6 de xaneiro.

Un caso semellante viviu a protectora Gatocan, que vendeu participacións do 58.303. Entre os poucos afortunados que se pasaron pola administración de Lotarías de rúa Nova a celebrar, coa súa propia botella de champaña e copas de plástico, estiveron Sergio e a súa familia, con tres participacións do premio —75.000 euros—. Tal e como relatou ante os medios, visibelmente emocionado, a "culpábel de todo" é a súa nai que, aínda que moito máis tímida ante as cámaras, tamén os acompañou e que foi a que comprou as participacións na protectora de animais Gatocan, coa que colabora desde que hai anos levaba ás súas gatas a castrar.

No Grove, o outro municipio agraciado con este segundo premio, a administración de Lotarías número 1, situado na rúa Luís Seoane, vendeu 45 series do 58.303, o que supón que repartiu 56,2 millóns de euros. A maiores, vendéronse boletos soltos deste número en Ferrol (3), Sanxenxo (3), Lugo (2), Nigrán (2), Gondomar e O Porriño.

Un quinto case íntegro en Riotorto

O principal titular este 22 de decembro son os case 11 millóns de euros que repartiu a administración número 1 do municipio de Riotorto grazas ao 37.038, un dos quintos premios da Lotaría de Nadal 2023. Aínda que cada un destes décimos está dotado cun galardón de 6.000 euros, lonxe dos grandes premios, a contía creceu exponencialmente ao coñecerse que o estabelecemento de Lotarías de Praza das Rodrigas de Riotorto vendera 1.826 boletos en total.

Pero a alegría alcanzou a outras localidades próximas, como Reinante (Barreiros), Muimenta (Cospeito) e Lourenzá, xa que a este número estaban abonados varios bares e negocios desta zona. En termos cuantitativos, chama a atención que a administración vendese máis décimos (1.826) que habitantes ten Riotorto, que non alcanza os 1.200 veciños. Incluso este quinto premio tocou ao seu alcalde, Clemente Iglesias, quen non ocultou a Europa Press a súa alegría por que o 37.038 chegase "moi repartido".

Pero este non foi o único quinto premio que caeu na Galiza, xa que un dos máis madrugadores, o 45.353, deixouse sentir en dúas administracións de Vigo —unha delas repartiu 1,8 millóns— e noutras tantas de Ourense, así como na Illa de Arousa, Redondela, Cangas e Xinzo.

Tamén outros catro quintos premios (88.979, 1.568, 86.007 e 57.421) vendéronse de maneira moi repartida, a base de beliscos, por municipios de todo o país.