Lorenzo Milá gaña o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Lorenzo Milá no vídeo no que agradece o premio Couso desde Italia (CPXG).
O xornalista Lorenzo Milá, actual correspondente de TVE en Italia, obtivo o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, veñen de anunciar que o gañador da XVI edición é Lorenzo Milá.

A candidatura de Lorenzo Milá resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado, segundo trasladan os organizadores. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

"Lorenzo Milá é un xornalista cunha longa traxectoria na televisión pública española, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos, onde presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19", sinalan nun comunicado desde o CPXG.

Milá competía nesta edición do premio Couso coa actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.

O xornalista enviou desde Roma un vídeo no que agradece o premio e llo dedica a "tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias, unha función crucial".

O CPXG apunta que "cando a situación o permita", realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón.