López-Sors, o responsable de afastar o Prestige, ingresará na Real Academia do Mar

Imaxe do Prestige tomada pola Armada española

O ex-director xeral da Mariña Mercante centrará o seu discurso de ingreso como académico nos accidentes marítimos na Costa da Morte, logo de ter xustificado a súa actuación na maior catástrofe ecolóxica do país. 


O responsable de afastar o petroleiro Prestige das costas galegas o 13 de novembro de 2002 será nomeado o próximo mes como novo membro da Real Academia do Mar. O ex-director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors González, ingresará como académico de número na organización con sede en Madrid cun discurso titulado 'A Costa da Morte. Sinistros marítimos e incidencia nas melloras da navegación'.

Malia ter sido absolto da denuncia da plataforma Nunca Máis pola Audiencia Provincial da Coruña e posteriormente polo Tribunal Supremo, López-Sors é considerado un dos principais responsables da maior catástrofe ecolóxica do país, o único cargo público imputado. De feito, o antigo director da Mariña Mercante seguiu defendendo a súa decisión de afastar o buque con 77.000 toneladas de fuel, unha actuación que cualificou de “bo traballo” e que considerou como a única posibilidade para evitar unha catástrofe maior. 

O mesmo López-Sors que recoñeceu durante o xuízo do Prestige que non se celebrara unha reunión até o día do afundimento para determinar o estado do barco. Incluso, unha década despois aseguraba que o goberno do PP valorara bombardear o petroleiro con napalm.