López Sors xustifica a decisión que provocou a marea negra

López Sors no xuízo
O único cargo público xulgado pola catástrofe asegura que as autoridades fixeron "un bo traballo". Asume a decisión do afastamento e recoñece que até o día do afundimento non houbo unha reunión para determinar o estado do barco.

 

As respostas do ex-director xeral da mariña mercante, José Luis López Sors, seguiron o guión da autoinculpación. Tivo moito interese en todo o interrogatorio en explicar que era o máximo responsábel da xestión da crise e que as súas decisións non precisaban a aprobación de ninguén. O ferrolán comezou abrindo polémica ao solicitar tradución ao castelán "por non entender o galego", a lingua empregada polo avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat.

Segundo Sors non había outra alternativa que levar o petroleiro mar adentro para que afundise. Curiosa resultou a súa afirmación de que no caso de levar o Prestige a un porto de abrigo "estaría co señor Mangouras no cárcere". O ex-director xeral da Mariña Mercante podería ir a prisión cinco anos por un delito contra o medioambiente.

O ex-director xeral da mariña mercante podería ir a prisión cinco anos por un delito contra o medioambiente

Os momentos anteriores e posteriores a tomar a decisión de afastar o Prestige centraron as preguntas do avogado de Nunca Máis. Sors admitiu que desde o petroleiro avisaron de que había "un serio perigo de afundimento" polo que asegurou que a súa decisión fora "para aliviar o desastre". Negou en todo momento o contacto con Francisco Álvarez Cascos, daquela Ministro de Fomento, para admitir que transmitía os pasos que daba "ao subsecretario".

Nas súas respostas López Sors tentou explicar que a razón de afastar o buque, sabendo que estaba a piques de afundirse, era para traspasar as 30 millas da costa, "o dispositivo de separación do tráfico". Despois, explicou, agardarían que a empresa de salvamento Smit Salvage se fixese cargo. Aínda así rexeitou calquera responsabilidade co rumbo que seguiu o petroleiro eses días.