López Petit: “O pensamento crítico require de distancia máis…como atacar a besta se vivimos dentro dela?

Santiago López Petit (Foto: SLP)

O filósofo catalán interveu na Semana Galega de Filosofía que se está a desenvolver estes días en Pontevedra. Alertou de como o capitalismo das plataformas tecnolóxicas dá lugar a unha servidume voluntaria "na que damos os datos necesarios para ser controlados, expropiados e monetarizados".

Santiago López Petit (Barcelona 1950) foi encargado da segunda palestra matinal da Semana da Filosofía e Civilización Dixital que se realizou en liña e con público presente no Teatro Principal na Semana Galega da Filosofía.

Militante da autonomía obreira nos anos setenta, traballou como químico nunha fábrica de vidro recuperada polos seus traballadores. Estudou Filosofía e foi profesor na Universidade de Barcelona durante vinte anos ata que o deixou para “non morrer de tristura cando empecei a ter clientes en lugar de estudantes”.

É un dos impulsores de Espai en Blanc, un proxecto colectivo de pensamento crítico e experimental. Autor de numerosas obras, vén de presentar a súa novela Tan cerca de la vida.

En ‘O algoritmo da VIDA’ parte da pregunta como chegamos até aquí? Para analizar a situación actual, “a realidade da época global, que nos deixa nunha situación de perigo indeterminado. Na actualidade ese perigo é a Covid, morrer pola Covid é todo isto está ligado ao proceso de desenvolvemento capitalista: orde absoluta, cambio acelerado, etc.”

“A realidade fronte a nós é imprevisible porque calquera cousa pode suceder en calquera lugar. O máis impensable hoxe xa se plasmou no mundo e forma parte da cotidianidade: pagar para traballar e desta forma obter mellor currículo, defender a morte digna para evitar os gastos hospitalarios, pagar o banco que che expropiou a casa ou o impensable das máscaras ou o toque de recoller”

Esta fenomenoloxía podería resumirse en que “vivimos dentro da barriga da besta e constanta o pleno triunfo do Neoliberalismo entendido como un modo de gobernar que estende o mercado a todos os ámbitos da sociedade, que privatiza o Estado (que non o anula, todo o contrario) todo apoiado no individualismo, na crise das institucións tradicionais, as novas tecnoloxías, o financiamento, etc. Todo isto vén dunha gran transformación iniciada a finais dos anos 70 nos que o mundo pasa ser totalmente capitalista: o capital abraza o mundo e non deixa fóra ninguén, afógao. A necesidade de respiradores e respiración asistida é a metáfora do que sucede no mundo”.

López Petit expón que durante os anos de Estado de Benestar (onde a unidade Capital-Traballo estaba conformada por 3 pilares: Estado, Capital e Clase traballadora) a loita de clases, reconducida, funcionaba dentro do propio capitalismo. “A consigna era a paz social a cambio de diñeiro. Os sindicatos tiñan un papel importante como mediadores pero, este mundo hai anos que desapareceu: a entrada na Época Global significa a coopropiedade entre capital e poder que miran o un polo outro. A clase traballadora xa non é o motor do cambio, o suxeito político que podía desviar este proceso: estamos fronte a unha realidade múltiple e única ao tempo, porque é plenamente capitalista”.

En numerosas alusións ao Mito da Caverna – que actualiza co mito do túnel do metro - deixa patente que vivimos atrapados nun mundo de precarización laboral e existencial, sentido soidade unha rede de relación, nun túnel de metro que interminable que non nos permite exercer o pensamento crítico xa que “o pensamento crítico require de distancia máis… como atacar á besta se vivimos dentro dela? A crise de distancia comporta o concepto de alinenación: o inimigo estaba fóra, pero agora o inimigo somos nós mesmos. Está a ocorrer a destrución do pensamento: entrar nun vagón de metro e ver que o 90% das persoas están enganchadas ao teléfono. Xa non hai un momento de suspensión para que poida chegar unha idea, para pensar..”

Petit considera que a caverna platónica na que estamos metidos na actualidde é a VIDA. A vida con maiúsculas, o algoritmo. “A verdade antes estaba aí fóra, pero agora a caverna cubre todo e o túnel de metro é interminable”. O capitalistmo das plataformas tecnolóxicas e dixitais, onde grandes empresas como Google, Facebook, Amazon etc funcionan con algoritmos secretos, constrúese sobre a bifurcación: “proclama de es libre de facer coa túa vida o que queiras pero é un engano, é a primeira etapa da biopolítica. Plasma unha nova servidume voluntaria na que damos os datos necesarios para ser controlados expropiados e monetarizados. É a propia VIDA a que actúa como un algoritmo. Ocuparía o lugar do mercado na organización da sociedade, a man invisíbel que fai que cada individuo pense que persegue o seu propio beneficio, pero traballa para o beneficio de outros. A VIDA ou o poder que nos mantén co mínimo de vida para que sigamos a traballar, unha peza na mobilización”

Para terminar e responder como atacar á besta se vivimos no seu interior, se somos o seu alimento “a vía para abrir fendas é interromper, sabotar, á mobilización que nos leva e á que servimos. Desconectarnos do algoritmo da VIDA, non do querer vivir. Debemos ser incalculábeis, imprevisíbeis, unha anomalía como un corpo que decide non encaixar, non adaptarse a esta normalidade que afoga. Coller a forza da dor e dirixila ao cambio.”