A Lomce volta a receber un rotundo 'non' en Galiza

Profesorado e alumnado concentrouse nos centros de secundaria contra a lei e as reválidas. A práctica totalidade dos estudantes que votaron na consulta convocada por Erguer rexeitaron a Lomce.

Máis unha vez, a LOMCE recibiu en Galiza un rotundo rexeitamento. Un 'non' que se concretou tanto en forma de concentracións de profesorado e alumnado nos diferentes centros de Galiza como na participación no referendo convocado por Erguer en máis de trinta centros de 20 comarcas galegas.

As protestas insírense na campaña de mobilizacións que vén desenvolvendo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desde que se coñeceu o contido da LOMCE. Mobilizacións que continuarán até que consiga que as reválidas e a LOMCE “desaparezan de todos os textos legais”. O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, que participou na concentración convocada no IES compostelán Rosalía de Castro, amosou a súa preocupación porque a estas alturas o conselleiro de Educación “non asuma a súa responsabilidade, como máxima autoridade educativa na Galiza, e que chegue mesmo a  afirmar que non hai por que estar preocupados porque a reválida será moi semellante á actual selectividade”.

Referendo

Nesta xornada máis dunha trintena de centros de ensino de 20 comarcas diferentes acolleron un referendo simbólico para que o estudantado exprese a través do voto a súa opinión a respecto da LOMCE. “É unha consulta simbólica na que chamamos o estudantado a votar si ou non a esa lei e así que se visibilice a opinión real que este ten da LOMCE”, explicaba na presentación da iniciativa Iria Figueroa responsábel nacional de Erguer, a organización estudantil que impulsa este referendo.

O resultado da consulta, na que tomaron parte case 5.000 estudantes deixou un resultado ioncontestábel: o 99% dos votos foi para o 'non' á Lomce