Delmiro Prieto, Down Galicia: "A Lomce expulsa as persoas con necesidades específicas"

A Federación Down Galicia está presidida por Delmiro Prieto González (Imaxe Down Galicia)
Defender os dereitos das persoas con síndrome de down e pular por unha sociedade formada, educada en valores, respectuosa, plural e inclusiva, son os eixos da Federación Down Galicia. O seu presidente, Delmiro Prieto, sinala a Nós Diario os retos máis urxentes diante dun novo 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down.
Non foi até 2011 que a ONU designou o Día Mundial do Down. Como foi a loita pola defensa das persoas con esta síndrome na Galiza ao longo dos últimos anos?

Deuse un paso importante nos últimos tempos, desde que emerxeu unha forte rebeldía ante o panorama ao que se tiñan que enfrontar as persoas con síndrome de down, diante do futuro que as agardaba. Díxose “non”, dixemos que aquel futuro marcado non podía ser para as nosas fillas e fillos, un futuro que pasaba polo asistencialismo e a institución. Excluíanas da sociedade, ficaban condenadas a non saír á rúa, a ir a espazos concretos e a centros educativos segregados e de educación especial...

Plantámonos e empezamos a traballar noutra liña. E déronse resultados. O índice de analfabetismo, por exemplo, hai trinta anos na poboación galega con síndrome de down era de 98% e hoxe está practicamente erradicado. Esa foi esa a nosa primeira loita cando en 1998 creamos a Federación baixo o obxectivo de aglutinar as asociacións que en toda Galiza se creaban naquela altura para traballar e loitar pola defensa dos dereitos das persoas con esta síndrome. 

A pesar dos anos, o ensino segue a ser a nosa principal reivindicación, pois entendemos que a educación é fundamental para transformar o mundo. Ten que xerminar ese modelo de sociedade ao que temos que aspirar: unha sociedade formada, educada en valores, respectuosa, plural e inclusiva. 

Como valora a situación actual no ensino?

Pouco a pouco foise producindo a integración, mais outra cuestión distinta é a inclusión educativa. Moitas veces confúndense ambas. A inclusión non pode estar suxeita á vontade do profesorado, e debe haber unha lexislación clara e concreta que a promova, é dicir, todo o contrario do que fixo a Lomce.

Teño a esperanza de que se produza a derrogación dos aspectos lesivos para a educación inclusiva que supuxo esta lei. A Lomce é o exemplo claro de lei antieducativa, pois é mercantilista, segregadora e excluínte. Mercantilista, porque fala de competencia, mais non de competencias intelectuais, senón de competencia focada ao mercado.

Así, vemos como os itinerarios e reválidas que impón forman parte dun primeiro paso que conducen o alumnado á exclusión, fóra da ensinanza común. Cos itinerarios vanse elaborando grupos e expulsando persoas con necesidades específicas cara á educación especial, a cal é segregadora. Hai que derrogar eses aspectos da Lomce polo ben da sociedade. 

E no laboral?

Teño que dicir que levamos unha grata sorpresa sobre todo por parte da iniciativa privada. Para que unha persoa poida dispor dunha certa autonomía e cumprir os seus soños e obxectivos ten que poder ter recursos, os cales veñen do mundo do traballo.

Mais para chegar a esa etapa da vida hai que previamente desenvolver unha actividade moi intensa, empezando desde o minuto cero do nacemento, coa atención temperá, a estimulación, a educación, a formación prelaboral... 

O certo é que a empresa privada se está a implicar para que as persoas con síndrome de down formen parte do tecido produtivo. Na Administración pública houbo que demandalo e, por primeira vez, o ano pasado sacáronse prazas en oposicións.

Isto tivémolo que falar coa vicepresidencia da Xunta, e logrouse. Imos conseguindo cousas, facendo camiño, mais aínda falta moito para a normalización. 

En canto ás persoas da terceira idade, co aumento da esperanza de vida, cales están a ser as principais demandas?

As expectativas de vida cambiaron no conxunto de sociedade e tamén para as persoas con síndrome de down. Nós desenvolvemos o programa “Envellecemento activo”, para que, de forma preventiva, se poidan detectar casos de doenzas como o alzhéimer. 

Apúntase a que as persoas con síndrome de down teñen certa tendencia a poder desenvolver alzhéimer. Sabendo isto, tratamos pois de antepornos a esas circunstancias. 

En canto ás residencias para maiores, se hai que incorporarse a unha, queremos que sexa pública e común, é dicir, ao igual que no ensino, non avogamos por residencias especiais nin que haxa segregación.