Sétimo ano na cidade de Pontevedra sen vítimas mortais en accidentes de tránsito

Lombos para acabar coas carreiras ilegais de coches no polígono pontevedrés de O Campiño

Entrada no polígono de O Campiño

Case 200.000 euros investirá o Concello de Pontevedra no polígono empresarial de O Campiño. Un dos principais obxectivos desta intervención non é outro que pór fin ás carreiras ilegais que se realizan nas súas rúas. Unha práctica perigosa e coñecida pola veciñanza da zona, que pese ao control policial segue sucedéndose nalgunhas noites.

O plano deseñado polo Concello de Pontevedra aposta na instalación de pasos de peóns sobreelevados, máis coñecidos como lombos, nas rúas do polígono ben como na zona de estacionamento. Este último punto foi usado ao longos dos últimos dez anos como lugar de encontro para seareiros do motor. Situada nun dos extremos do polígono, perto do cruzamento que vai cara á Fracha, é unha das ubicacións críticas segundo constatan os corpos de seguridade.

 

Por suposto, o plan do goberno local non está destinado exclusivamente a lle pór freo a esta práctica ilegal, aínda que iso si estea entre os seus obxectivos principais. O proxecto apreséntase coma unha mellora da seguranza viaria e da accesibilidade, e creará itinerarios peonís para comunicar as áreas do estacionamento co resto do polígono. Estes percorridos segregados de uso exclusivamente peonil servirán tamén para acadar o calmado do tránsito e impedir actuacións fóra da lei. 

 

O concelleiro e delegado do goberno local na parroquia de Marcón, Alberto Oubiña, recoñece que esta actualización do polígono é unha vella demanda da zona e sinala a obvia problemática e a perigosidade das prácticas automobilísticas ilegais. “A situación de O Campiño, situado nun val, fai que todos os veciños da zona se percaten da presenza dos coches que suben a grandes velocidades”, sinala. “É algo incomodísimo e inseguro. No propio polígono hai xente que, polos turnos de traballo das empresas nas que exercen, entra de madrugada no seu posto. Temos que protexelos. Este é un proxecto moi necesario tanto para os veciños coma para os traballadores”.

 

Unha vez se adxudique a obra en cuestión, a empresa que se faga co contrato terá un prazo máximo de tres meses para executar o encargo. A cifra concreta para realizar o proxecto é de 197.000 euros. A intervención era de extrema necesidade, explica Oubiña, porque tamén se refará un tramo extenso da estrada que chega até a fronteira con Ponte Caldelas. A importancia de reconverter este tramo fíxose aínda máis acuciante após o accidente mortal dunha condutora o ano pasado, e as continuas saídas de vía rexistadas nesta zona. “As vidas das persoas non teñen prezo, por iso o proxecto non é caro nin barato, simplemente é necesario”.

 

“As vidas das persoas non teñen prezo, por iso o proxecto non é caro nin barato, simplemente é necesario”, di o concelleiro Alberto Oubiña

 

No ano 2006, O Campiño chegou a ser famoso en toda a provincia, após acoller concentracións de case un millar de persoas. Derrapes, queimaduras de rodas, carreiras ilegais... Unha fin de semana de agosto os corpos policiais contaron perto de 700 individuos. Naquela ocasión interpuxéronse máis de setenta denuncias por condución temeraria ao longo dunha soa noite. A principios deste ano, a Gardia Civil de Tráfico tivo que facer acto de presenza para disolver unha reunión cuns 300 participantes.

 

O certo é que as accións para o control do tráfico e a mellora na seguridade viaria implantadas polo Concello de Pontevedra demostraron o seu éxito ao longo do tempo. O modelo, que moitas veciñas asocian coa instalación dos lombos, mostra unhas cifras que deixan en nada calquera comentario negativo sobre a súa posíbel incomodidade a hora de atravesalos. No pasado mes de febreiro, a cidade de Pontevedra celebrou o seu sétimo ano consecutivo con cero mortos nas vías urbanas. A seguridade é un feito, e agora o Concello tratará de levar estas cifras tamén as parroquias do ámbito rural. 

 

No pasado mes de febreiro, a cidade de Pontevedra celebrou o seu sétimo ano consecutivo con cero mortos nas vías urbanas.

 

No 2016 rexistáronse un total de 884 sinistros en vías urbanas cun saldo de 113 feridos leves e 18 graves (que requiriron atención hospitalaria). Os futuros plans de seguridade que manexa o goberno local contemplan baixar tamén esa cifra até o cero. Un reto necesario, mais cun valor humano engadido de suma importancia. 

 

Na fotografía que acompaña o corpo do texto, da autoría de C.P., aparece o concelleiro Alberto Oubiña