Lola Ferreiro: ''Nos institutos da Galiza está a impartir obradoiros de educación afectivo-sexual a mesmísima Red Madre''

Lola Ferreiro [Imaxe: SG]

Esta terza feira, día 28, conmemórase o Día internacional da saúde das mulleres. De saúde --afectiva, sexual, emocional e reprodutiva-- falamos con Lola Ferreiro, doutora en Medicina, activista feminista e coordinadora do grupo de estudos de xénero Lúa Crecente

 

Dicía a exposición de motivos da Lei de interrupción artificial do embarazo, vixente durante uns meses en Catalunya en 1936 antes de ser derrogada polo fascismo, que cumpría "acabar cos abortos clandestinos" e deixar de especular cos dereitos das mulleres. As políticas en materia de saúde que afectas ás mulleres que se están a aplicar desde a Xunta e desde o goberno do Estado teñen moito que lle envexar a unha norma que fora aprobada hai case 80 anos. Repasámolas con Lola Ferreiro nesta entrevista.
 

Que reivindicamos cando falamos de saúde sexual e reprodutiva?

Reivindicamos que as mulleres poidamos recuperar o desexo sexual e o exercicio da nosa sexualidade libremente. Isto por unha banda.

Pola outra, a saúde reprodutiva consiste en que, evidentemente, se desvinculamos a sexualidade da procreación ao sinalar que ten por obxecto a liberación da tensión sexual e a obtención de pracer, entón debemos ter tamén dereito a decidir en que prazos e en que termo queremos ter descendencia.

Por tanto, pasa por que teñamos ao noso dispor os métodos anticonceptivos de protección perante embarazos e enfemidades de transmisión sexual sen coacción nin violencia e habilitando os dispositivos de información e promoción da saúde apropiados. 

Estamos socialmente determinadas? 

Uf! Son tantas as trampas sociais e as trampas capitalistas que non sei por onde comezar! (risos) Desde un punto de vista estrutural sempre se transaccionou cos dereitos das mulleres e estes ficaron supeditados aos dereitos masculinos aínda nas épocas máis 'progres', máis abertas. O patriarcado sempre contou co apoio da ciencia. É a ciencia indica como se fan as cousas e cando e, ao se revestir dese halo de obxectividade, fai mella. 

Por outro lado, o tema da maternidade como instinto, do reloxo biolóxico e blablabla non son máis que intentos de dirixir a vontade das mulleres e de evitar que sexamos nós as que tomemos as decisións. Entón, até que punto están mediados os nosos dereitos sexuais e reprodutivos? Eu creo que até un punto altísimo, non só socialmente senón e sobre todo culturalmente. 

É dicir, estamos mergulladas nunha cultura xudeo-cristiá e influídas por todas esas claves que denostamos as non crentes mais que están aí inseridas no inconsciente colectivo, como pecados laicos. En todo caso, as non crentes tamén sentimos culpa e esa culpa está vinculada a claves moi arcaicas e estabelecidas pola relixión. 

Nesta semana fun á consulta na xinecóloga do Sergas e pediume os datos da miña parella 'para levar un control'. Debo achacar tal comportamento a esas claves arcaicas inseridas no subconsciente?

Na sanidade pública neste momento habería moito que depurar e moito que controlar. Iso é certo. O que acontece é que, precisamente polo feito de ser pública, é susceptíbel de ser sometida a un control democrático. A privada non o está e no caso da rede paralela de centros que impulsa a Xunta as empresas terían un marcado carácter relixioso. 

Por tanto, aínda que no Sergas traballen profesionais influídos polo patriarcado e con actitudes moi misóxinas, moi sobreprotectoras e moi paternalistas con comportamentos indagatorios sobre a vida privada das mulleres e coercitivos até certo punto, esas organizacións relixiosas o que fan e orientar a atención sanitaria cara a unha finalidade, impedir o aborto e promover a natalidade. Na pública comportamentos como o que describes habería que os controlar. E pódese facer. Porén, faría falta a vontade política necesaria e... non parece que sexa isto o fundamental. 

Falemos da contrarreforma do aborto. Imos ter que volver alegar enfermidade mental para decidirmos sobre os nosos corpos?

Se podemos, si. Eu ao que lle teño medo, e isto é tremendo a estas alturas do século XXI, é a que moitísimas mulleres, a maioría porque a maioría somos pobres, e á que teñan que abortar na clandestinidade e en condicións de falta de hixiene, practicando o aborto xente que non ten experiencia ningunha. Máis sufrimento e máis mortes. 

Gallardón garante que as mulleres que aborten non irán ao cárcere. Que garantía é esa?

(moitos risos) Só faltaría! Imos ver, a min o que me preocupa é que isto díxoo Gallardón hai pouco tempo no Congreso e non houbo nin deus que lle contestase ao caso. Aquí o problema non é se van ou non van mulleres ao cárcere por abortar. 

O problema é que van morrer mulleres, que van ter complicacións graves e que van ter perturbacións emocionais por ese ritmo de agresión física sobre o seu corpo xunto co aparato de violencia simbólica que se está a despregar para deslixitimar o dereito a interromper un embarazo. Que pensa, que lle imos chamar 'progre' por non mandarnos ao cárcere?  

Con 300 mulleres en listaxe de agarda que ten o COF do Ventorrillo, na Coruña, pódese dicir que estes centros están "obsoletos" para os eliminar, como pretende a Xunta? 

Os centros de planificación familiar, que gosto eu máis de lles chamar así que 'de orientación' por motivos obvios, están a ser agredidos, non só o do Ventorrillo, só que este caso é sangrante porque lle suprimiron a praza de xinecoloxía. Porén, o Sergas vén dando un discurso absolutamente demagóxico dicindo que están obsoletos e que todo o que neles se fai debe asumilo Atención primaria que, polo visto, teñen pouco que facer alí.

O resultado: sobrecárganse os profesionais, que non teñen tampouco formación específica para realizar este tipo de intervencións e moitas veces teñen resistencia a facelas. É dicir, van deixar a atención nun absoluto baleiro! Centos de miles de mulleres quedarán sen cobertura anticonceptiva de calidade ou empregando métodos sen os submeter a control clínico. 

O modelo deseñado no 83 non só non está obsoleto senón que é máis actual que nunca. Habería que repoñer todas as prazas que se suprimiron e dotalos de material e de recursos para que desenvolvan unha actuación realmente promotora da saúde das mulleres. 

Cal é o perigo de que fiquen reducidos a dispensadores de anticonceptivos antes de os eliminar?

Pois un risco físico directo para as mulleres. Non se pode estar cun DIU --dispositivo intrauterino-- dos que duran catro anos sen que se revise cada anos porque pode infectarse ou pode moverse e aumentar o risco de embarazos. O mesmo acontece coa anticoncepción hormonal oral, a pílula, sobre a que hai que efectuar controis, analíticas e revisións. Todas estas mulleres quedarán ao pairo, aumentando os perigos para a saúde que non terían por que existir. E isto é unha expresión de violencia institucional.

Outro tema fundamental que quedaría sen cubrir e que é atribución dos COF é a promoción e prevención da saúde sexual. En definitiva, quedará todo o eido sexual sen cubrir e o reprodutivo mal cuberto. 

As mulleres inmigrantes en situación irregular teñen o dereito á saúde ligado a se cotizan ou non á seguridade social; aqueloutras en situación de prostitución teñen serias dificultades para recibir asistencia sanitaria. Repasamos a problemática derivada desta situación?

Pois no caso das mulleres en situación de prostitución están expostas a un perigo tremendo dunha enfermidade de transmisión sexual grave, sífile ou sida, porque segundo elas informan cando teñen oportunidade de o facer, están presionadas polos clientes para facer prácticas sen condón. 

Este risco, para alén daqueloutros que teñen na súa saúde física e mental polo traballo que fan, quedan sen atender tamén en dispositivos específicos. Se falamos de mulleres que non teñen cobertura sanitaria entón quedan á boa vontade de profesionais que as atenden de maneira case clandestina.

Como se está a tratar nos centros de ensino o tema da saúde afectivo-sexual? Ou mellor... estase a tratar?

(moitos risos) E de que maneira! No ensino público está a facer oferta de obradoiros de educación sexual á mesmísima Red Madre! Hai folletos nos institutos de secundaria deste grupo ofertando talleres de educación afectivo-sexual e xa te podes imaxinar de que características...

O problema é que elas disimulan o seu carácter antiabortista, antifeminista e antimisóxino. Por tanto, nos institutos, nalgúns por ignorancia e noutros por inercia, aceptan este tipo de sesións. Eu entendo que a mellor maneira de traballar na educación sexual, afectiva e emocional é que o faga o profesorado, para o cal a administración ten que lle dar o material e a formación necesarias, claro.

E isto non interesa. Unha educación sexual que nos faga libres non interesa. Nin ao patriarcado, nin ao capital nin ao poder político que temos agora mesmo ao mando da Xunta e do Estado.