De loito ás oposicións para visibilizar a precariedade na enfermaría galega

‘Enfermeiras eventuais en loita’ chama a acudir ás oposicións de Silleda vestidas de negro. Mentres, o apoio á súa loita vai a máis nas redes sociais, con vídeos de apoio e solidariedade de non poucos rostros públicos.

Este domingo 12 de maio máis de 8.000 persoas están chamadas a acudir a Silleda para participar nunhas oposicións que lles permita permanecer nas listas de contratación ou acceder a algunha das 830 prazas que oferta o Sergas. “Este domingo iremos de negro para demostrar que estamos en loita e de loito”, chaman desde ‘Enfermeiras eventuais en loita” co cancelo #OPEnegra. Unha chamada para visibilizar a precariedade deste colectivo.

 

A campaña iniciada por este colectivo xa logrou facerse viral. Nela participan non poucos rostros coñecidos da política, a cultura ou a sociedade galega. Desde o actor Luis Tosar até o cociñeiro Pepe Solla, desde o xornalista Gonzo até políticos como Ana Pontón, Yolanda Díaz, Abel Losada ou Xulio Ferreiro. Até a orquestra París de Noia ou o conxunto Dakidarría se animaron a gravar pequenos vídeo de apoio ás demandas deste colectivo. Todos eles poden verse no Facebook do colectivo.

 

Unha campaña para denunciar e dar a coñecer a “precariedade laboral que afecta cada vez a máis traballadoras” deste colectivo, así como á propia “calidade asistencial”: inestabilidade laboral, eventualidade e temporalidade, imposibilidade de gozar do dereito a vacacións... Son algúns dos puntos denunciados.