Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

"Se a loita contra a violencia machista é unha prioridade política, ten que ser unha prioridade orzamentaria"

A xornada de traballo convocada polo Bloque na mañá do sábado “Avanzando contra a violencia machista” xuntou no Parlamento de Galiza representantes da xudicatura, dos CIM e de colectivos feministas contra a violencia machista. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que a Xunta dedique o 1% do orzamento á loita contra a violencia de xénero e xulgados especializados.

A fiscal de violencia de xénero de Santiago, Pilar Fernández; a membro do Consello da Avogacía Galega Patricia Arnosa; a avogada e asesora xurídica dun CIM, Mercedes Carreira e representantes de colectivos como a Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo; do Observatorio da Mariña pola Igualdade, da Asociación contra a violencia de xénero de Lugo ou da Asociación de mulleres con discapacidade de Galiza participaron na mañá do sábado na xornada de traballo organizada polo BNG no Parlamento galego baixo o lema “Avanzando contra a violencia machista”.

 

En declaracións á prensa, a portavoz do BNG, Ana Pontón, apuntou a necesidade de aumentar os recursos para loitar contra a violencia machista, a comezar por destinar, cando menos, o 1% do orzamento da Xunta de Galiza para combater este problema social. Suporía uns 90 millóns de euros –fronte aos 5 millóns actuais–, diñeiro que permitiría incrementar de maneira exponencial os recursos. “Se é unha prioridade política, ten que ser unha prioridade orzamentaria”, afirmou Pontón.

 

A dirixente do Bloque lamentou que se valore a violencia de xénero como cuestión menos grave diante doutras, “non fai saltar todas as alarmas que saltan cos casos de terrorismo”, salientou, antes de tirar dos dados que apuntan que, desde o ano 2000, no Estado español houbo 678 vítimas do terrorismo fronte ao máis dun milleiro de mulleres vítimas do feminicidio.

 

Ademais, a portavoz nacionalista reivindicou xulgados especializados, pois Galiza tan só conta con dous –un en Vigo e outro na Coruña–. Tamén máis persoal e medios para revisar os protocolos de avaliación e facer efectivas cuestións tan básicas como estabelecer lugares separados para vítima e agresor cando teñen que declarar.

 

O BNG solicitará programas de formación en igualdade para o persoal docente

 

Queda moito por facer, advertiu Pontón, a empezar pola sensibilización social e por unha aposta contundente nunha educación en igualdade. Neste sentido, anunciou que o Bloque solicitará programas de formación en igualdade para o persoal docente, “porque é o profesorado o que despois ten que traballar ese tema nas aulas e ten que haber unha vontade colectiva de que iso sexa unha prioridade”. A campaña “indignante e vergoñenta” da Xunta, engadiu, camiña noutra dirección. “Teñen que retirar esa campaña por dignidade e porque a Xunta estase situando fóra de lei; rectificar é de sabias e persistir no erro é de irresponsábeis”, sinalou.

 

A fiscal de violencia de xénero reclama máis medios

 

Tamén en declaracións aos medios, a fiscal de violencia de xénero de Santiago, Pilar Fernández, apostou en articular un procedemento que facilite a muller a proba, pois é “moi difícil” cando “só se conta coa declaración da vítima”. E é que moitas veces é a única testemuña. “Non pode ser que a convertamos en sospeitosa e que teña que ser ela quen deba acreditar e probar toda a violencia que sofre”, apuntou.

 

Pilar Fernández: “Non pode ser que convirtamos a vítima en sospeitosa e que teña que ser ela quen deba acreditar e probar toda a violencia que sofre”

 

Ademais, puxo de manifesto o problema que supón a concesión das ordes de afastamento, a avaliación do risco e todo o que hai que demostrar para poder conseguilas.

 

Por outra banda, Pilar Fernández salientou a importancia de crear xulgados específicos de violencia machista para que haxa “unha maior sensibilización social” e “medios especializados” e de crear oficinas de asistencia ás vítimas para que os procesos xudiciais “non sexan tan agresivos” e se apoie as denunciantes.