A loita por salvar o cargadoiro Coto Wagner chega ao Congreso

Vista do cargadoiro Coto Wagner (Foto: César Sotelo).
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, esixe ao Goberno español tomar as “medidas necesarias” para a preservación e declaración como Ben de Interese Cultural do cargadoiro portuario Coto Wagner -coñecido como Cargadoiro de Rande- ante as “intencións” da Autoridade Portuaria de “continuar co desmantelamento deste enclave histórico”.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno español que tome as “medidas necesarias” para a preservación e declaración como Ben de Interese Cultural do cargadoiro portuario Coto Wagner, coñecido como Cargadoiro de Rande, e que foi construído nos anos 60 na parroquia de Cedeira, concello de Redondela.

Esta construción destaca pola súa estrutura metálica singular, quedando abandonada polas distintas administracións públicas durante máis de 40 anos logo de rematar a súa vida industrial a mediados dos anos 70.

Localizado nun enclave privilexiado xunto á Fábrica do Alemán (actual museo de Meirande) e das ruínas do Castelo de Rande, entre outros puntos de interese histórico e paisaxístico, dada a súa importancia histórica a Asociación Rande Patrimonio Europeo (ARPE) está mobilizándose para conseguir que o conxunto dos bens históricos descritos sexan declarados como Bens de Interese Cultural.

O BNG solicitou que se faga público o proxecto que ten pensado para esta estrutura a Autoridade Portuaria de Vigo -entidade dependente de Portos do Estado, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana-, pois segundo explicou Néstor Rego “este organismo intentou en varias ocasións nos últimos anos dedicar o cargadoiro e as zonas anexas a distintas finalidades que porían en risco a preservación do entorno natural e o valor cultural da zona”.

No ano 2008 a Autoridade Portuaria de Vigo -presidida por Jesús Paz Arias- iniciou un proxecto que despois remataría Corina Porro e que consistía na adecuación da explanada para a instalación dunha cementeira, unha actuación “que foi freada grazas á oposición de veciños e veciñas”, mais logo dun investimento de sete millóns de euros foi asfaltada e dotada de electricidade, o cal supuxo un ataque á conservación da estrutura, pois con esa actuación os túneles utilizados para a carga de mineral quedaron ocultos baixo o asfalto” segundo subliñou o deputado nacionalista

Ante as “intencións” da Autoridade Portuaria de “continuar co desmantelamento deste enclave histórico”, o Bloque considera “fundamental” que se conserve este patrimonio histórico e cultural, “poñéndoo en valor e ao servizo da sociedade.