A loita pola sanidade pública colle un novo pulo fronte un PP que teima no afán “privatizador”

Concentracións contra o desmantelamento de camas hospitalarias no verán e feche indefinido no Meixoeiro. Reverdece a maré pola sanidade pública.

A loita en Galiza pola defensa dunha sanidade pública e contra a súa privatización merece un capítulo especial na historia de mobilizacións populares decorridas neste país durante estes anos de gran recesión. Poucas mobilizacións tan masivas aconteceron estes anos cun carácter máis ou menos periódico como as que protagonizou a sociedade para defender a sanidade pública. Como lembnra a Asociación galega pola defensa da sanidade pública (ADDSP), ningún outro territorio do Estado recortou tanto como Galiza en sanidade. Desde 2009 até 2014, unha tesoirada do 20% no orzamento. Nese mesmo período, elimináronse perto de 2.000 prazas e de 513 médicos. Ao que hai que engadir a listaxe de privatizacións, externalizacións...

Esta semana coñeceuse a noticia de que, máis un verán, o Sergas ía deixar fóra de servizo centos de camas nos hospitais públicos galegos. Por volta de 1.200 (a Xunta fala de 'só' 900). Desde as plataformas en defensa da sanidade pública denunciaron a media e organziaron concentracións poara denunciar unha decisión do goberno galego con consecuencias directas no minguar da calidade da sistencia e incremento de listas de agarda.

Ademais, A xunta de persoal do Chuvi e o colectivo SOS Meixoeiro desenvolveron esta cuarta feira unha mobilización no hospital Meixoeiro de Vigo para rexeitar o desmantelamento do centro médico. Ao remate da protesta, coa que se pretende reivindicar o papel desta infraestrutura dentro do sistema sanitario público, iniciouse un peche indefinido no interior do edificio no que particparán por quendas máis de 500 persoas. Reclaman que o hospital teña unha ocupación do 100% en todas as súas camas, que dispoña dos recursos que permitan tratar patoloxías máis complexas e que contribúa á redución das listas de espera.