A loita contra a planta de residuos de Casalonga esténdese pola Feira cabalar de San Martiño

Atribúese a Álvaro Cunqueiro o dito de que na Feira de San Martiño de Francos “ponse o prezo do cabalo para toda Europa Occidental”. Esta feira cabalar con 5 séculos de historia e que de decorre no lugar de Francos, concello de Teo, no camiño entre Padrón e Compostela; reúne todos os 11 de novembro miles de persoas procedentes de toda Galiza. Ao pé da Carballeira, hai tratos de cabalo, pulpeiras, música e postos de diferentes produtos.

 

Este ano, tamén, houbo unha reivindicación: a dos veciños e veciñas da zona contra o proxecto de instalar unha planta/vertedoiro de residuos nos humidais da antiga canteira da Casalonga, mesa zona.

Máis de 4.000 panos cos cores e lemas da plataforma oposta a este proxecto foron repartidos entre as asistentes á feira, así como 150 mandís para as persoas responsables de servir o polbo.  “As persoas asistentes acolleron moi ben esta iniciativa e amosaron o seu compromiso coa causa lucindo o pano negro/amarelo co logo da plataforma ao redor dos seus pescozos, visible tamén en todos os postos e incluso nalgúns animais da feira”, afirman desde a plataforma.

 

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos naceu como resposta a un proxecto para crear un macrocomplexo de recepción de residuos (290.000 Tn) “baixo a máscara dunha planta de biogás e un plan de restauración da canteira”.