Volta á mobilización face ao Ministerio de Facenda

Loita no ocaso da vida pola dignidade da emigración

A plataforma de emigrantes retornadas e retornados enceta unha vaga de novas mobilizacións con motivo do verán. E é que catro anos despois, o Estado segue aplicando unha lei que lles nega dereitos e lles rouba recursos. Elas e eles seguirán reclamando estes meses diante da Facenda española e anuncian un outono con protestos máis contundentes. Escribimos sobre a súa loita no Sermos Galiza 254.

“Sabes as que pasamos? Meu home e eu inda tiñamos un piso, pero moitos vivían nunha habitación, como os romaneses hoxe aquí. E no verán, cando viñan as nenas e os nenos pasar uns días, había que ir repartíndoos por casas. Moitas mulleres parían os fillos e viñan traerllos aos avós, non porque non quixeran telos alá, é que non podían…”, conta Carme Bolaño, unha forza da natureza. Hai que selo para aos 75 anos, achacosa ­-moza que casou cun rapaz que andaba por Suíza e emigrou- seguir á fronte dos protestos das e dos emigrantes retornados en Ourense, no país, coller un avión se fai falta para ir a Bruxelas e onde sexa necesario, por ela, pola memoria do seu home, por todas elas. “Sabes as que pasamos? –repite-. Pregúntalle á Concha e ao Crisanto que eles foron a Alemaña”.

 

Crisanto responde ao teléfono desde Verín. Marchou no 63. Concha no 65, cando a filla xa tiña uns aniños e podía quedar cos pais dela. “Íamos en trens de madeira, cos corredores cheos de maletas, un circo. Fun para alá cun contrato que me fixeron os de Emigración en Ourense. Alí pasei o recoñecemento médico. Ese viñan os alemáns facérnolo. Traballei dezaoito meses nunha fábrica de rodas e cando quedei liberado do contrato, veu a muller. Ela, por medio dunha irmá, empezou nunha cadea de etiquetado de botellas, logo foi limpadora nunha clínica. Eu era soldador e ao mesmo tempo mecánico, había que ter dúas portas, sabes? Tiña días de 18 horas. Durmía menos co galo no arame”. Tiveron outros dous fillos, criados tamén cos avós. “No 92 Concha volveu pasar uns días e dixo que quedaba acá… estaban os netos. Eu regresei ao ano seguinte. Volvemos a Alemaña un par de veces. Aquela xente non parou, e aquí estancámonos, vólvennos levar o mesmo adianto que daquela, igual".

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 254, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]