'O SALTO'

Un documental homenaxea a loita de galegas e portuguesas para paralizar un encoro no Miño

Fotograma do documental 'O Salto'

A constancia e loita de veciñanza galega e portuguesa de ambas as beiras durante trinta anos logrou que proxecto do Salto de Sela para Vide (As Neves) non sexa unha realidade. Trailer no interior.

Durante 30 anos veciñanza da Galiza e de Portugal mobilizouse para evitar a construción dun encoro no tramo internacional do Miño, consciente do impacto que este proxecto ía ter na contorna. Unha loita que comezou a finais da década dos 70 e na que se implicaron centos de persoas de ambas as dúas beiras para evitar que o Salto da Sela fose unha realidade na parroquia de Vide, no concello das Neves.

O Salto é un documental que recolle e homenaxea toda esa loita. Vaise proxectar o 9 de agosto na Casa da Auga de Vide, a parroquia onde querían construír o encoro. O documental vai recollendo as diferentes etapas desta oposición e pondo en valor todo o que o río Miño dá nesta zona do sur do noso país.

Adrián González, recente graduado en Comunicación Audiovisual, é o autor de O Salto, e xa ten varias obras anteriores: a reportaxe As Neves Zona 0 (2017) ou as curtametraxes Mans Mortas (2016) e Castelos de Fame (2015). Leva a cabo este documentario como homenaxe “a aqueles que loitaron polo común, por un patrimonio cultural e medioambiental que se vería en grave en perigo coa construción deste encoro. A supervivencia de especies autóctonas, as pesqueiras, a arte da pesca da lamprea, a economía e o estilo de vida ao redor do río tal e como é agora... todo isto estaba en xogo co proxecto do Salto de Sela”.