A loita das protectoras de animais galegas contra o frío

Un can sobre as casetas no patio das instalacións xeadas da protectora Os Biosbardos. (Foto: Cedida)
As asociacións Os Biosbardos, Amigos da Canceira de Ordes e Progape de Ourense fan saber a Nós Diario como axudan dentro das súas posibilidades a que “os peludos non pasen tanto frío”. 

Co paso da borrasca Filomena e as súas temperaturas baixo cero, a Galiza tivo que facer fronte ás baixas temperaturas tirando de luvas, bufandas, gorros e todas as prendas de roupa precisas. Pero non todos os habitantes do país poden desfrutar da calor que dan as capas de roupa.

Os animais a intemperie non posúen abrigos nin calcetíns que os protexan das xeadas que se están a dar en moitas comarcas da nosa terra e, como con eles non podemos comunicarnos directamente, preguntamos a aquelas persoas que os protexen para saber como están a combatir este tempo. 

As asociacións Os Biosbardos, na parroquia de Arcos, no concello de Ponteareas; Amigos da Canceira de Ordes e Progape de Ourense fan saber a Nós Diario como axudan dentro das súas posibilidades a que “os peludos non pasen tanto frío”. 

No Monte da Picaraña, en Arcos, viven, con temperaturas que chegan os 4 graos negativos, os 80 cans que están nas instalacións privadas dos Biosbardos. “Co frío que fixo aqueles días o primeiro que tiñamos que facer ao chegar era romper a capa de xeo que se formaba nalgúns recipientes de auga; mesmo chegamos a estar sen auga da traída durante 7 horas porque se conxelou a tubaxe que vai até as instalacións”, conta Lucía Pérez, voluntaria. 

Ante esta situación e para que os animais pasen o menos frío posíbel, as voluntarias enchen con papeis de xornal, cartóns e mantas as casetas dos cans, “aínda que non todos entenden que esas mantas son para taparse e algúns cans acábanas por esnaquizar”, comenta Lucía. Por sorte, nesta protectora ponteareá, as doazóns de mantas chegan acotío, o que lles permite “ter o almacén bastante cheo de mantas para todos”. 

Non teñen a mesma sorte os sete cans que están nas instalacións municipais de Ordes. A asociación de Amigos da Canceira desta vila encárgase de xestionar as adopcións dos peludos que alí chegan, tentando sacar aos máximos posíbeis xa que “esas instalacións non están en condicións para que os cans pasen moito tempo alí”, comenta a presidenta da asociación, Salomé Regos.

Ademais, nin tan se quera con temperaturas mínimas como as que se están a dar, “non nos permiten pór mantas nin papeis, polo que os pobres dormen sobre unhas táboas que pon por riba do cemento”.  Dentro do malo, “os que están alí son cans de gran tamaño, polo que poden resistir algo mellor este tempo que os cadelos”, apunta Salomé. 

Á espera de obras

Tampouco teñen as mellores instalacións na canceira municipal de Ourense, onde a Protectora de cans e gatos (Progape) ten un convenio co concello para poder xestionar ese espazo, mais levan máis de tres anos esperando a que o Goberno leve a cabo as obras precisas para que a canceira sexa adecuada segundo a lei de protección animal do ano 2017. A presidenta da asociación, Area Cid, coméntanos que os 230 cans e 50 gatos da protectora si teñen mantas para poder cubrirse, aínda que, ao igual que Os Biosbardos, “tamén se volven tolos con elas e acaban por esnaquizalas, sobre todo se están en grupo”.  Pero de pouco valen as mantas se “temos muros que están feitos por redes de plástico, por onde pasa todo o frío, ou se falta o tellado das instalacións, onde temos os gatos”. 

Xa sexan do norte ou do sur os “peludos” das protectoras pasan este frío inverno da mellor maneira que lles pode facilitar as súas voluntarias. Todas elas concordan co mesmo, adopten, non compren. Quer adopción quer acollida ou acollida definitiva –modalidade que ofrecen as protectoras onde se fan cargo dos gastos económicos dos animais enfermos–, “estes animais merecen ter unha casa quentiña onde pasar os seus días e seguro o agradecerán con todo o cariño que son capaces de dar”.