Lois Diéguez: "Espero que sexa un diario galego cos ollos no país, onde nos miremos todos"

Lois Diéguez

O escritor Lois Diéguez considera que o aspecto cultural "ten que ser básico" no diario en papel que Sermos prepara para 2019 "porque é o que está desaparecido neste momento".

-Que espera de Sermos O Diario Galego?

 

-Espero moito, dentro da realidade. É unha cousa necesaria, sobre todo nestes tempos nos que o xornalismo está a uns niveis de sangue. Igual pasa no aspecto formativo, porque queiramos ou non, os medios de comunicación son os que forman os galegos e as galegas. Paréceme que é un traballo no que nos temos que esmerar, é unha batalla que temos que loitar en profundidade, desde unha perspectiva humanista, que son como me gustan a min os xornais. Ter un diario axudaría a unirnos como galegos e galegas. Espero que sexa un diario galego cos ollos no país, onde nos miremos todos, sen máis. Ter un diario propio é unha carta de presentación necesaria para a nosa historia e a nosa consolidación como pobo e como identidade.

 

-Por que é necesario?

 

-É necesario contrastar un xornalismo humanista e galego, veraz e aberto a todo o mundo, e sempre desde a nosa perspectiva, desde os nosos ollos. É difícil pensar nun país que non ten uns medios para pronunciarse. É mostra da anomalía do noso país e da nosa nación. Agora estase facendo un traballo intensísimo co semanario e no dixital, pero non é o mesmo que ter un diario en papel. Sería algo importantísimo para nós. Eu destacaría o feito de que os galegos e galegas teñan voz, que fagamos un xornalismo responsábel —inexistente agora— e que sexa desde a nosa perspectiva. Eu creo que seremos capaces.

 

-Que pegada podería ter na creación literaria?

 

-O aspecto cultural ten que ser básico porque é o que está desaparecido neste momento. Cando aparece nos medios, faino dentro dunhas perspectivas moi pouco obxectivas. Sempre con esa batalla de sectores, da vaidade polo medio, e paréceme que habería que ser máis humildes nese sentido. A perspectiva cultural debe ter un peso fundamental porque é pola vía que os galegos e as galegas sometidas neste momento podemos ter un respiro de liberdade, e iso vén pola vía cultural indubidabelmente.

 

[Para facer de Sermos Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións antes do 31 de xullo. Podes sumarte nesta ligazón]