Un libro disco recupera o magacín de Maruxa Boga

A locutora da Galiza portátil

Maruxa Boga, a locutora de 'Recordando a Galicia'.

Galiza era un país portátil. E as maneiras que tiñan emigrantes e exiliados de cargalo ao lombo eran múltiples. As emisións radiofónicas atopábanse entre as máis populares. Recordando a Galicia foi como Maruxa Boga bautizou o seu magacín en Bos Aires, éxito de audiencia entre a colectividade galega que se mantivo 40 anos en antenas.
 

A colección Chave Mestra de aCentral folque recupera agora unha escolma de gravacións do programa e edita un libro disco de 152 páxinas ao coidado de Jesús Blanco e Norberto Cirio. A obra preséntase en Compostela esta cuarta feira, ás 20.15 hora no café Airas Nunes, da man da asociación cultural O Galo.

 

Recordando a Galicia marcaba a diferencia con outras emisións radiofónicas, que tiñan unha pespectiva máis intelectual”, explica Blanco, quen dedicou a súa tese de doutoramento á historia da radiofonía galega na Arxentina. Galicia emigrante, dirixida por Luís Seoane, ou Sempre en Galiza, de Manuel Meilán, por caso, non tiñan a vocación masiva de Maruxa Boga.

 

A idea do espazo de Boga -nada en Río da Prata de pais do Barbanza en 1915 e morta en 2010- ocurriráselle a Castelao. O “tema galego” desenvolvíase nas emisións diarias en castelán. “Os anunciantes non querían que fose en galego. Había moitos prexuízos mesmo entre a colectividade galega, aínda que Maruxa Boga era unha persoa concienciada”, conta o investigador.

 

A publicidade, ao cabo, mantivo Recordando a Galicia durante catro décadas -entre 1945 e 1984- nas ondas de Radio Arxentina, Radio Buenos Aires ou Radio Rivadavia. Por intres, en dúas emisoras simultaneamente. “Foi un programa moi importante e estaba esquecido. Era unha inxustiza. Pero entón apareceu a xente de aCentral, que coidan o patrimonio sonoro, e puxémonos coa monografía”. Blanco encargouse da historia de Boga e a emisión e Cirio da parte musical.

 

Que resultou central. Gaiteiros, pandeiradas, música de coral ou, andando os tempos, Amancio Prada, Ana Kiro ou Juan Pardo chegaban así a amplas capas da Galiza exterior. “O que máis me sorprende”, explica Blanco, “era a habalencia de Boga para conectar os intereses dos ouvintes, daqueles máis interesados por saber do país e outros unicamente por revivir a música das romarías que deixaran atrás”.

 

O material que conforma o libro disco sobre Recordando a Galicia estaba depositado no Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega. Jesús Blanco denuncia as dificultades para acceder e o mal estado do patrimonio galego na Arxentina.

 

Ao día seguinte da presentación en Compostela -en que falarán Blanco, Ramóm Pinheiro de aCentral, a profesora Mercedes Espiño e a cantautora Alba María-, será a libraría Paz, de Pontevedra, a que acolla o acto a quinta feira, 8 de febreiro.