Localizan sen vida o corpo da muller desaparecida en Cangas

O corpo apareceu no soto dun edificio en obras da rúa Atranco de Cangas. (Foto: Google)
María del Carmen Gómez Núñez permanecía en paradoiro descoñecido desde o pasado 25 de setembro.

O corpo sen vida de María del Carmen Gómez Núñez, que permanecía en paradoiro descoñecido desde o pasado 25 de setembro en Cangas (O Morrazo), foi achado este domingo nun foso de auga do soto dun edificio situado na rúa Atranco, neste mesmo municipio.

Segundo confirmaron fontes da investigación citadas pola axencia Europa Press, o corpo foi localizado nunha zona anegada deste inmóbel que leva varios anos a medio construír. Sospeitábase que podía estar aí e os efectivos de emerxencias comezaron a baldeirar a auga na súa procura.

A Asociación SOS Desaparecidos emitira esta pasada sexta feira unha alerta para solicitar a colaboración cidadá na localización de María del Carmen, logo de que os seus familiares denunciasen ante as autoridades a súa desaparición. Agora, as forzas de seguridade tratan de esclarecer as causas deste suceso.