Localizan nas proximidades do río Arenteiro pertenzas da muller desaparecida no Carballiño

O río Arenteiro á altura de Ponte Veiga, no Carballiño. (Foto: Google)
Concepción Vázquez Sequeira, de 79 anos, foi vista por última vez na parroquia de Arcos.

O operativo de busca de Concepción Vázquez Sequeira, veciña de 79 anos de idade do Carballiño desaparecida desde o pasado sábado, localizou esta segunda feira parte das súas pertenzas nas proximidades do río Arenteiro. Ademais, segundo confirmaron fontes da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press, as cámaras do posto do Instituto Armado neste municipio gravárona perto da ponte medieval Ponte Veiga.

O operativo mantense activo desde este sábado, cando foi vista por última vez na parroquia de Arcos, contra as 15.30 horas. Tal e como indica a organización SOS Desaparecidos, a muller mide 1,70 metros, é de complexión grosa e no momento da súa desaparición vestía unha chaqueta rosa e negra, portaba un paraugas violeta e un bastón, xa que ten mobilidade reducida.

Precisamente nesta zona próxima ao río apareceron o paraugas e algunhas pezas de roupa que pertencerían a Concepción Vázquez. Está previsto que nas próximas horas, no caso de que continúe en paradoiro descoñecido, se sume ao operativo un equipo de buzos.