Localizan o corpo sen vida dun home no peirao de Curuxeiras, en Ferrol

Embarcación de salvamento marítimo. (Foto: Salvamento Marítimo)

Polo momento, non está identificada a identidade do cadáver, ao que se lle realizará a autopsia no Hospital Naval.

O corpo sen vida dun home de mediana idade foi localizado sobre as 14 horas desta cuarta feira no peirao de Curuxeiras, en Ferrol.

A alerta foi dada aos servizos de emerxencia por un home que observou na auga un corpo flotando no lugar onde acostuma atracar a lancha que realiza as viaxes entre esta cidade e Mugardos (comarca de Ferrolterra).

Na zona compareceron axentes da Policía Local de Ferrol, Policía Nacional, Garda Civil e Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, así como unha embarcación de Salvamento Marítimo.

Foi esta última a encargada de rescatar o corpo e levalo a terra. Ao lugar tamén acudiron profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

Unha comisión xudicial desprazouse ao porto para autorizar o levantamento do cadáver, que aínda está sen identificar. Así, foi trasladado ao Hospital Naval de Ferrol, onde se lle realizará a autopsia na tarde desta cuarta feira.