Localizan en Negreira o corpo sen vida dun septuaxenario desaparecido o domingo

Sede da Axega. (Foto: 112)
O home saíra de casa para atender os animais da súa propiedade e non regresara.

Os equipos de emerxencia tiveron que intervir na mañá desta terza feira para recuperar o corpo sen vida dun septuaxenario que permanecía desaparecido desde o pasado domingo, día 1, en Negreira.

En concreto, segundo vén de informar o 112-Galiza, foi unha dotación da Garda Civil a que atopou o cadáver no río Barcala, nas proximidades da Ruta dos Tres Pazos. O achado tivo lugar contra as 13 horas.

O Centro Integrado de Atención a Emerxencias tivo coñecemento da desaparición do septuaxenario na noite do domingo. Foi un familiar do propio desaparecido o que indicou, ao fío das 22.30 horas, que o home saíra de casa para atender os animais da súa propiedade e non regresara.

Nese mesmo momento pasouse aviso aos axentes da Garda Civil, que coordinaron un dispositivo de procura en colaboración cos Bombeiros de Xallas, o GES de Brión e Protección Civil de Negreira.