Localizados en tres meses máis de 60 cabalos con pexas nos montes galegos

As deputadas nacionalistas con representantes de Libera presentan a iniciativa no rexistro parlamentar

A organización Libera! presenta no Parlamento 42.000 sinaturas contra esta forma de maltrato animal canda representantes do BNG no Espazo parlamentar pola defensa dos animais

 

Máis de 60 cabalos con pexas foron localizados nos montes da Galiza no que vai de ano. Desde cepos de madeira até grilletes de metal ou de goma limitan a mobilizade destes animais en terreos de Arteixo, Muxía, Carnota, Oza dos Ríos, As Pontes, Dumbría, Pobra do Caramiñal ou Toques na provincia da Coruña; Moaña, Baiona, Lourizán e até el campus universitario de Vigo, en Pontevedra; Guitiriz, Trabada, Abadín e A Pontenova, en Lugo; e Parada do Sil, en Ourense.

As localizacións aparecen sinaladas nunha carta que a asociación Libera! remitiu á Dirección xeral de interior e emerxencias para exixir que a Xunta "tome as medidas oportunas". Rubén Pérez, voceiro na Galiza desta organización, sinala que "a xente ve os cabalos con cepos a simple vista. Os animais teñen dono, non lle teñen medo ás persoas. Hai unha clara intencionalidade por parte dos gandeiros", e acrecentou que o rexistrado no noso País é "o maior caso de maltrato animal rexistrado no Norte" do Estado español. 

Porén, fontes de Seprona sinalan que de cada cen cabalos que teñen cepo unicamente dous están identificados, sendo posíbel a localización da persoa que lle colocou a pexa. Desde as sancións impostas após a vaga de lumes de 2006, cando as poxas condenaron á morte moitos animais que vivían en semi-liberdade, gandeir@s prescindiron das identificacións. En 2008 o Goberno galego aprobou un decreto para regular o sector equino, estabelecendo a obrigatoriedade de que leven un microchip e unha marca visual ou unha pulseira nas patas dianteiras. Por non facelo así, a lei de sanidade animal fixa multas de entre 600 e 60.000 euros.

Para que a Xunta tome as medidas necesarias para porlle fin a esta forma de maltrato, Libera! presentou no rexistro do Parlamento de Galiza 42.000 sinaturas en contra da utilización destes aparellos inmobilizadores nas patas dos cabalos. Fíxoo esta terza feira Rubén Pérez acompañado de Ana Pontón e Carme Adán, as dúas deputadas do BNG que fan parte do Espazo parlamentar pola defensa dos animais, onde tamén se integran deputad@s de AGE e PSOE. O activista agarda que na quinta feira saia adiante na Cámara "unha declaración máis firme" que tome en consideración os "nomes e apelidos" de milleiros de persoas que rexeitaron os cepos coa súa sinatura.