Localizado sen vida o presunto autor do asasinato dunha muller en Mos, recoñecido como feminicidio
A Garda Civil localizou o corpo sen vida do presunto autor do asasinato machista dunha veciña de Mos (comarca de Vigo) despois de que este, quen era a súa ex parella, fuxise tras supostamente agredila cunha arma branca á primeira hora da tarde deste domingo.
Agora, ao fío das 21 horas, axentes da Garda Civil e da Policía Local permanecían despregados nunha vivenda da parroquia de Atios, no Porriño, municipio limítrofe a Mos, segundo confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras do dispositivo. Finalmente accederon contra as 22h e atoparon o corpo sen vida do presunto agresor.
A noticia da localización do seu paradoiro deuna o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, nun audio remitido aos medios, no que xa se refire oficialmente ao sucedido como un feminicidio. Esta condición dáse por acreditada debido a que a irmá da vítima -que reside na planta superior da casa unifamiliar, onde sucederon os feitos- ouviu berros e presenciou a súa fuxida en coche.
"A lacra da violencia machista volveu golpear a provincia de Pontevedra co asasinato de María Belén, unha muller de 52 anos, veciña de Mos, á primeira hora da tarde do domingo", expuxo Losada. O subdelegado explicou que o home non convivía na actualidade coa vítima, pero visitaba "con frecuencia" a casa na que vivía ela.
Losada asegurou que non había denuncias previas e que a vítima non figuraba no sistema VioXén. Así mesmo, lanzou unha "mensaxe de apoio" á súa familia e ao municipio de Mos, así como a "todas as mulleres" para que saiban que "o Goberno estará coa garda alta".