A poboación do lobo apenas creceu en tres mandas na última década

Lobo ibérico nunha imaxe tirada en 2022, ano en que a Xunta realizou un segundo informe. (Foto: Europa Press)
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) presentou esta sexta feira os datos da presenza do lobo no Estado español. Respecto aos datos galegos, Adega acusa a Xunta de "maquillalos" antes de incorporalos no censo estatal.

O censo estatal do lobo de 2021-2024, presentado esta sexta feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), verte unha cifra de 333 mandas en todo o Estado español, o que supón un incremento de 12% respecto ao censo anterior (2012-2014), no que se rexistraron 297 mandas. Na Galiza esta cifra sería de 93 mandas, 9,7%  máis en relación ás 84 que había nese anterior censo –un dato corrixido apenas un ano despois, deixándoo en 90–.

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), porén, poñen en cuestión esa cifra ademais de denunciar que está "maquillada" pola Xunta . A secretaria executiva desta organización, Belén Rodríguez, apunta a Nós Diario que os datos galegos que deu o Ministerio son os que lle facilitou a propia Xunta e están "maquillados". "En 2021 o Goberno galego fixo un estudo no que aparecían 17 mandas menos e, como non lle saían os datos, mudaron a metodoloxía e repetiron o censo en 2022 para darlle estas 93 mandas", asegura.

Rodríguez, que lembra que 20 días atrás presentaron alegacións contra este censo, considera que o dato non é bo aínda que se tome como auténtica a cifra que apunta o Ministerio. "Podemos entender que se en 2015 había 90 mandas e entre 2021 e 2022 -e agora tamén en 2024- hai 93, o que quere dicir que hai tres mandas máis... pero compartidas ademais con outros territorios, é dicir que non todas son exclusivas", di, sinalando que "o crecemento sería de 0,47% por ano". O dato explicaríase, segundo Adega, "por estar  desaparecendo exemplares pola acción do furtivismo". 

Situación "desfavorábel"

En calquera caso, fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) sinalaron esta sexta feira que, con base nestes datos, o lobo está nunha situación  "desfavorábel" e por tanto "non pode haber controis letais da especie", aludindo á cazaría autorizada pola Xunta –e suspendida de forma cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza–.

Remítense ao criterio dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) de 2024 que sinala que se unha especie está en estado desfavorábel nunha parte do territorio estao tamén na totalidade do territorio.

Ademais, Transición Ecolóxica cifra en arredor de 1.700 os exemplares en todo Estado e indica que se produciu un "leve" incremento das mandas. A ministra, Sara Aagesen, recalcou que "desgraciadamente estamos aínda lonxe do obxectivo de 500 mandas que a ciencia considera necesario para asegurar a súa viabilidade xenética a longo prazo".

Alén diso, e en referencia á polémica arredor do informe sexenal de 2021 –ano no que o lobo entrou na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre)–, o Ministerio indica que dá por bos tanto os datos dese ano como os deste último censo. 

"Bos datos" para a Xunta

A Xunta e outras 12 comunidades forzaron que o Goberno español retirara o debate sobre o citado documento da orde do día da Comisión Sectorial de Medio Ambiente de onte. Nun comunicado, a Xunta informou de que, finalmente haberá unha nova Comisión Sectorial o 11 de xullo na que si se debaterá o informe sexenal sobre o lobo correspondente ao período 2019-2024, como paso previo á súa aprobación nunha futura Conferencia Sectorial. Para o Goberno de Alfonso Rueda os datos son positivos, pois "constatan que o estado de conservación da especie é favorábel en todos os parámetros que se avalían".