Galiza acolle 93 das 333 mandas de lobo rexistradas no Estado español

Parella de lobos ibéricos. (Foto: Nós Diario)

O censo do lobo sinala que a especie goza dunha situación estábel, mais desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica advirten: "Estamos lonxe do obxectivo de 500 mandas que a ciencia considera necesarias".

O censo estatal do lobo de 2021-2024 arroxa unha cifra de 333 mandas en toda España, o que supón un incremento do 12% respecto ao censo anterior (2012-2014), no que se rexistraron 297 mandas. Estes resultados parecen sinalar que o lobo se atopa nunha situación estábel no conxunto do Estado, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Transición Ecolóxica recalca que hai un crecemento e expansión moderada da especie nos límites da súa distribución, así como unha estabilización dos seus efectivos nas áreas de distribución histórica da especie: Galiza, Asturias e Castela e León. Aínda así, tamén incide en que os números non alcanzan as 500 que os científicos consideran necesarias para asegurar a viabilidade xenética da especie a longo prazo. "Os datos deste censo servirán para estabelecer se o estado de conservación da especie é favorábel ou desfavorábel de acordo cos criterios fixados pola Unión Europea (UE)", sinalan desde o ministerio.

Traballo de campo

O censo, efectuado polo departamento que dirixe Sara Aagesen e as comunidades autónomas, é o segundo da especie que se realiza e mostra que a maior parte da poboación estatal de lobo atópase en Castela e León, Galiza, Asturias e Cantabria mentres que Euskadi, Madrid, Castela-A Mancha, A Rioxa e Estremadura forman os territorios en expansión e presentan un número moi reducido de mandas.

Para realizalo, utilizouse a metodoloxía coordinada que acordou o Grupo de Traballo do Lobo e que permite a comparación de datos cos do censo 2012-2014. O traballo de campo foi realizado polas comunidades autónomas, cunha coordinación técnica rexional na que participaron técnicos e expertos na especie.

Pola súa parte, o Miteco realizou a recompilación da información e levou a cabo a coordinación nacional, contando para iso cun coordinador científico. Para estimar o número total de mandas, considerouse aquelas cuxo territorio se distribúe de maneira exclusiva nunha única comunidade autónoma e as que se atopan en territorios de máis dunha comunidade autónoma. Neste último caso, fíxose un esforzo de coordinación para evitar que se contabilice a mesma manda dúas veces.

Onde hai máis lobos?

Así, concretouse que Castela e León é a comunidade autónoma que ten máis mandas cun total de 193 (160 exclusivas e 33 compartidas); segue Galiza con 93 (83 exclusivas e dez compartidas); Asturias queda en terceiro lugar con 45 (33 exclusivas e doce compartidas); e Cantabria vai despois con 23 (14 exclusivas e nove compartidas). En comparación co censo de 2012-1014, a comunidade autónoma onde máis creceron as mandas é Cantabria. Alí practicamente duplicáronse, pasando de 12 a 23 mandas totais. En Asturias aumentaron un 17,8% (de 37 a 57) e en Galicia, un 9,7% (de 84 a 93). Finalmente, en Castela e León subiron un 7,3% (de 179 a 193).

Fóra destes territorios, a Comunidade de Madrid ten cinco manadas (tres exclusivas e dúas compartidas), A Rioxa conta con cinco tamén (unha exclusiva e catro compartidas), Castela-A Mancha rexistra catro (dúas exclusivas e catro compartidas) e Estremadura, unha compartida. Ademais,no censo de 2012-2014, Euskadi e A Rioxa contaban cada unha cunha manda compartida; a Comunidade de Madrid, cunha manda exclusiva; Castela-A Mancha, cunha manda exclusiva e outra compartida, e Estremadura non tiña ningunha.

Transición Ecolóxica detalla que non se detectaron mandas estábeis en Aragón nin en Catalunya. Malia que de forma esporádica hai exemplares na zona, non se constatou reprodución. En 2024 detectouse por primeira vez en décadas unha manda reprodutora en Estremadura. En xeral, o censo mostra unha maior expansión do número de mandas nos bordos da área de distribución estable da especie, cara ao leste e sueste, en especial nos límites autonómicos de Castela e León, compartindo territorio con Estremadura, Madrid, Castela-A Mancha, A Rioxa e Euskadi.

Conservación vs. caza

O Ministerio para a Transición Ecolóxica salienta que o censo se realizou nun momento no que o lobo gozou de protección especial en todo o territorio estatal ao estar incluído na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) desde 2021.

Con todo, puntualizou que após a aprobación da Lei de Desperdicio Alimentario en marzo e a recente modificación do status da especie no Convenio sobre a Conservación da Vida Silvestre e os Hábitats Naturais de Europa (Convenio de Berna), "as comunidades autónomas que albergan as súas principais poboacións volverán autorizar o seu caza este outono/inverno", unha práctica que na Galiza o movemento ecoloxista pide corrixir para garantir a súa protección e unha medida que o TSXG paralizou de forma cautelar.

Neste sentido, a vicepresidenta terceira e ministra Sara Aagesen, recalcou que o Goberno defende a conservación do lobo e promove "unha nova existencia sostíbel". "Desgraciadamente estamos aínda lonxe, lonxe do obxectivo de 500 mandas que a ciencia considera necesario para asegurar a súa viabilidade xenética a longo prazo", sinalou a través dun vídeo distribuído aos medios de comunicación.

Ao seu xuízo, o lobo é unha especie "fundamental" que regula poboacións de ungulados, prevén enfermidades e mantén a estabilidade dos nosos ecosistemas. Segundo sinalou, a súa desaparición tería "consecuencias en fervenza sobre a biodiversidade". Por iso, o Goberno español está comprometido a "unir ciencia, medio rural e gandería", dixo.