Medio Ambiente

O lobo, estábel na Galiza

[Imaxe: Wikipedia]

Temido, fero, endiañado e fío co que se teceu parte da mitoloxía do país e centos de contos e cantigas populares. O lobo non escapa á arquitectura nin á arte románica. É tan malvado como nolo pintaron? Realmente corre perigo? Cal é a súa situación demográfica? Mergullámonos nun mundo ateigado de estigmas no Sermos Galiza 240. Eis un extracto da reportaxe.

“O fascinio fará que a persoa que se acha diante del caia no arrepío e no embarazamento. Polo arrepío o humano sente que se lle arreitan os pelos do seu corpo e co embarazamento, a perda da palabra ou o tatexo (…)”. En Mitoloxía de Galiza (Editorial Galaxia), Víctor Vaqueiro recolle lendas que teñen como protagonista o lobo, mais tamén o lobo da xente, o lobicán ou o lobishome. Desde os contos de Ánxel Fole, pasando pola arquitectura deseñada para a súa caza, os foxos, e representado comendo ovellas en capiteis de igrexas románicas, o lobo é un dos animais con maior presenza na nosa cultura. Sobre el téñense forxado innumerábeis falacias, como a súa perigosidade para o ser humano. As máis recentes teñen a ver co aumento de cabezas.

O biólogo Martiño Nercellas, vogal de Biodiversidade de Adega, apela a desmontar a percepción “desvirtuada” que existe arredor do lobo nun momento en que se dá “un fluxo de información pouco contrastado e carente de rigor”. En declaracións a Sermos Galiza, advirte do efecto das redes sociais, que contribúen a crear “falsos presupostos”. Esta información, que acaba por saltar aos grandes medios de comunicación, supón unha dificultade á hora de deseñar propostas de actuación e deriva “nun incremento da tensión e, polo tanto, da conflitividade social”. Á súa vez, engade o experto, “acaba condicionando o labor da Administración”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 240, á venda na loxa e quiosques e puntos de venda habituais]