Análise

Loanza da árbore urbana

Nas nosas rúas e prazas hai moi poucas árbores e, con frecuencia, son demasiado pequenas. (Ilustración: Álex Rozados).
O arquitecto urbanista Iago Lestegás fecha a serie de análises que 'Nos Diario' publicou durante os meses de abril, maio e xuño.

As árbores son as grandes esquecidas das nosas vilas e cidades. Malia os múltiples e acreditados beneficios que ofrecen a un custo perfectamente asumible, a súa presenza é anecdótica na maioría das rúas e prazas, que adoitan ser tan duras e tan grises. No medio dunha grave crise ambiental e con episodios cada vez máis frecuentes de calor extrema, moitas voces reclaman cubrir de árbores as áreas urbanas, onde xa vive máis da metade da poboación mundial.

As árbores melloran a calidade do aire urbano, pois absorben gases de efecto invernadoiro

As árbores son aliadas imprescindibles na loita contra o cambio climático e contribúen de moitas formas ao noso benestar, ademais de proporcionaren alimento e protección para outros seres vivos. Melloran a calidade do aire urbano, pois absorben gases de efecto invernadoiro, reteñen partículas contaminantes e liberan o osíxeno que respiramos. Unha árbore pode capturar ata 150 quilos anuais de CO2, principal causante do quentamento global, mentres a protección que ofrece a súa copa e mais o efecto da súa transpiración sobre a humidade ambiental suavizan a temperatura. As árbores grandes de folla caduca proporcionan sombra no verán e deixan pasar as raiolas de sol no inverno, cando tamén reducen a velocidade dos ventos fríos e mitigan o efecto das xeadas. Ben situadas arredor dos edificios, diminúen o consumo enerxético para climatización ao longo do ano. Plantadas en bandas de largura e densidade suficientes, amortecen o ruído emitido por vías de comunicación ou instalacións industriais.

Saúde física e mental

As árbores e as superficies permeables sobre as que se erguen tamén teñen efectos positivos no ciclo da auga. Os pavimentos impermeables que cobren a maior parte das áreas urbanizadas impiden que a choiva penetre no terreo, incrementando as escorras, sobrecargando os sumidoiros e aumentando o risco de inundación. As árbores, pola contra, moderan o impacto das trombas sobre o chan, facilitan a infiltración da choiva no terreo, contribúen á recarga dos acuíferos, reducen os custes de tratamento da auga e diminúen a probabilidade de danos materiais e persoais derivados de inundacións. As súas raíces reteñen o terreo incluso en zonas con forte pendente, reducindo o risco de desprendemento de terras no caso de choivas intensas.

Debemos incrementar axiña o número de árbores urbanas para nos protexermos dos efectos do cambio climático

Ademais, existe ampla evidencia científica dos efectos positivos das árbores sobre a nosa saúde física e mental. Un estudo publicado en 1984 por Roger Ulrich na revista Science sinala que o postoperatorio dos doentes dun hospital de Pennsylvania que gozaban de vistas á natureza dende os seus cuartos transcorría mellor e máis rápido que o doutros pacientes cuxas fiestras daban a un muro de ladrillo. Numerosas investigacións relacionan a presenza de árbores nas rúas e prazas das cidades cunha menor incidencia de obesidade, diabetes, hipertensión, asma e múltiples doenzas psicolóxicas propias da vida moderna. De feito, os médicos xaponeses prescriben baños de bosque ou shinrin-yoku contra a ansiedade, a depresión, o estrés ou o insomnio. Investir en árbores urbanas é, sen dúbida, investir en saúde pública.

Atractivo e identidade

As árbores grandes protexen as zonas peonís das intrusións dos coches e teñen unha importante función estética. Enmarcan, realzan e complementan a beleza de monumentos e conxuntos históricos, disimulan a tristura de moitas rúas e prazas modernas e definen espazos abertos aptos para a convivencia. É tan notable o seu efecto positivo no atractivo dos lugares que varios estudos sobre urbes europeas e norteamericanas demostran que a proximidade das árbores incrementa o valor das propiedades inmobiliarias e os ingresos do comercio local. O seu papel na construción de identidades colectivas tamén é destacable e algunhas árbores son iconas das súas cidades, como a oliveira centenaria de Vigo, que figura no escudo municipal. Melloraríanse moito os barrios construídos nos últimos 60 anos plantando neles árbores e deixándoas medrar ata daren sombra e ofreceren os seus múltiples beneficios. Nas nosas rúas e prazas hai moi poucas e con frecuencia son demasiado pequenas, malviven aprisionadas en furados diminutos rodeados de asfalto, carecen de coidados adecuados ou son mutiladas regularmente por podas brutais e inxustificadas.

O seu papel na construción de identidades colectivas tamén é destacable e algunhas árbores son iconas das súas cidades

Debemos incrementar axiña o número de árbores urbanas para nos protexermos dos efectos do cambio climático. Nun día de calor, a diferenza de temperatura ambiental entre unha rúa sombreada polas copas de árbores maduras e outra situada a pleno sol pode acadar os 10 graos. É fundamental, en calquera caso, escoller coidadosamente as especies para garantir que son aptas para o emprazamento e que non xeran problemas para as persoas alérxicas, priorizando árbores autóctonas adaptadas ao clima do lugar, situándoas correctamente para maximizar os seus beneficios e plantándoas de xeito que poidan prosperar sen danar os pavimentos nin as instalacións.