Literatura, música, arquitectura e teatro debatiron para axudar a frear o cambio climático

Cristina Botana e Sés. (Foto: Feitoría Verde)

Nas palestras participaron o Grupo Chévere, Sés, Cristina Botana, María Reimóndez e Laura M. Castro.

As xornadas 'Pontevedra Utopía' do proxecto Do Des-equilibrio aos Soños Compartidos, que decorreron os días 27, 28 e 29 de abril en Pontevedra, debateron de como pode actuar a sociedade para frear a crise climática.

Nas palestras participaron o Grupo Chévere, Sés, Cristina Botana, María Reimóndez e Laura M. Castro.

Diálogos utópicos

Após meses de compartir experiencias, a pasada fin de semana remataba o proxecto Do Des-equilibrio aos Soños Compartidos, unha iniciativa de Feitoría Verde, o grupo Chévere e o equipo do Proxecto RESCLIMA da USC.

As xornadas de feche estiveron conformadas por dúas xeiras de “diálogos utópicos” e por unha representación teatral do grupo Chévere.

Así, a quinta feira 27 de abril abriron as xornadas a cantautora Sés e a arquitecta Cristina Botana, nun diálogo que tiña por título “Banda Sonora para unha nova forma de habitar o mundo”. Nel, ambas as participantes falaron da importancia da música no "noso hábitat" e para cambiar , a necesidade dunha "revolución cultural" e sobre as tecnoloxías como cambio social.

Durante esta primeira xornada de diálogos, Cristina Botana destacou, entre outras cousas “a importancia de buscar unha existencia tranquila, de creación artística, sen procurar constantemente a sobreexplotación da terra”. Para ela “falar da vida, agora mesmo, é o revolucionario e é desde o cotián desde onde se poden facer políticas realmente revolucionarias”. Sés, pola súa parte, destacou a necesidade dunha “revolución cultural” e de deixar de criminalizar ás novas xeracións que “reclaman, sen balas e sen sangue, atención”  para loitar contra o cambio climático.

Literatura e tecnoloxía

Na sexta feira 28 de abril, a escritora María Reimóndez e a informática Laura M. Castro dialogaron en “Construíndo relatos, construíndo realidades” sobre as tecnoloxías e a forma na que contamos historias para conseguir un cambio social.  

Nesta segunda sesión, Laura M. Castro quixo facer fincapé, sobre todo, “na tecnoloxía que queremos” e como esta ten que axudar “a buscar solucións” e non ser unha tecnoloxía que “traia máis problemas ao mundo”. María Reimóndez, como creadora de historias, resaltou “a importancia de destacar a diversidade do mundo” e procurar “menos consumo” e máis achegamento entre as persoas.

As xornadas tiveron a súa última actividade o sábado 29 de abril da man do Grupo Chévere e a súa representación teatral As Fillas Bravas e o Mito de Casandra.